Un cómic de Chichi Campos, o protagonista do Día da Ilustración 2024

O Día da Ilustración de 2024 réndelle este 30 de xaneiro homenaxe a Xesús Álvarez Campos, Chichi Campos (La Laguna, 1952 - Santiago de Compostela, 1991), un dos máximos expoñentes do cómic e a ilustración galega entre os anos 70 e 80. Dotado dun humor irreverente e corrosivo, de forte carga política, o seu debuxo, de liñaxe underground e mesmo surrealista, incorporaba tamén elementos enxebres e populares. Boa mostra dos seus sinais de identidade é a copia da banda deseñada que a RAG conserva e comparte na Rede co gallo desta celebración.

O cómic saíu do prelo no número 1 d’A Cova das Choias, a primeira revista de banda deseñada galega, que publicou Edicións Xordo en 1973 dende Xenebra baixo a dirección de Carlos Xohán. A obra conta a historia de Rabundio, un home que inventa unha máquina para viaxar no tempo e que acaba suicidándose no século XXV tras comprobar a permanencia no futuro das mesmas inxustizas sociais do presente. Chichi Campos debuxouna en 1972 no estudio da familia Díaz Pardo no Castro de Samoedo (Sada), dentro da comunidade artística do Grupo de Cómic do Castro, do que formaban parte Xosé Díaz, Luís Caparrós, Rosendo Díaz e el mesmo.

A distribución en Galicia fíxose de xeito artesanal e clandestino, nos círculos organizados ao redor de asociacións culturais como O Galo (Santiago de Compostela), a Asociación Cultural (Vigo) ou O Facho (A Coruña), de cuxo arquivo, doado á RAG no ano 2012, procede a copia que custodia a Academia.

Campos colaborou con xornais como El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, El Progreso, La Región, Mundo Obrero, A Voz do Pobo, na revista de humor gráfico e literario Can sen dono e n’A Nosa Terra. Parte da súa obra publicada neste último medio foi recollida en Estampas do mundo elegante (1992), edición que foi ampliada e reeditada en 2022 polo seu fillo, Nico Campos.

Os actos de homenaxe a Campos inclúen a proxección do documental Chichi e mais eu, realizado por Nico Campos, que poderá verse os días 29 e 30 de xaneiro (18 h) na biblioteca Juan Compañel (Vigo), o día 30 (18 h) na Antonio Odriozola (Pontevedra) e o 2 de febreiro na Ánxel Casal e na Cidade da Cultura; e a mostra bibliográfica Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante na Biblioteca de Galicia (Santiago de Compostela).

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), fundada no ano 2000, agrupa ilustradores e ilustradoras galegas comprometidos na defensa e dignificación do seu oficio. A entidade elixiu como Día da Ilustración o 30 de xaneiro cadrando co nacemento de Castelao, a finais deste mes no ano 1886.