Fotografía de grupo dos representantes das distintas institucións e de familiares de Carlos Casares na presentación da programación arredor do Día das Letras Galegas celebrada esta mañá en Santiago de Compostela
A Academia estreou en 2016 o proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), un espazo web pensado para fornecer, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar de xeito ameno contidos relacionados co Día das Letras Galegas, e facelo alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. Tras a boa acollida desta iniciativa no seu debut, a institución adiantará este ano a posta en marcha da nova edición, avanzou Xesús Alonso Montero. Os primeiros contidos da Primavera das Letras de Carlos Casares estarán dispoñibles a partir do 21 de febreiro, día en que a iniciativa será presentada no CEIP de Vilariño da man da súa comunidade escolar.
Tamén desde a Rede, a RAG conta desde comezos de ano na súa páxina, academia.gal, cun espazo biográfico dedicado a Carlos Casares. Ofrecerá ademais reportaxes, entrevistas e outros contidos arredor da súa vida e obra, como os publicados sobre Vento ferido o pasado 10 de febreiro, xusto cincuenta anos despois de que se acabase de imprimir o primeiro libro do autor.
O presidente da RAG tamén se referiu na presentación da programación á sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio. Coma sempre, será un acto público que se celebrará nun dos lugares fundamentais na vida, e tamén na obra, do protagonista do Día das Letras Galegas. Xinzo de Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos, acollerá este acto central, no que tres membros de número da RAG pronunciarán cadansúa alocución sobre o escritor.
Xa mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Fundación Carlos Casares, e co apoio da Xunta de Galicia. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación presentada esta mañá en Santiago de Compostela pola Xunta de Galicia, a propia RAG, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura Galega, o Centro PEN Galicia, a Editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo de Limia. O conxunto de actividades previstas por estas institucións pode consultarse nesta ligazón.