A homenaxe contará coas intervencións de Xosé Ramón Freixeiro Mato, biógrafo de Sebastián Martínez-Risco e profesor da Universidade da Coruña; Consuelo Castro Rei, membro da Irmandade Xurídica Galega; a actriz Isabel Risco, neta do académico; o mebro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande e o presidente Xesús Alonso Montero.
Nado no seo dunha familia de fonda identidade galeguista (era sobriño de Marcelo Macías e curmán de Vicente Risco), Sebastián Martínez-Risco foi xuíz, avogado e escritor. Como xurista, destacou como unha das figuras máis sobranceiras no ámbito do Dereito civil especial de Galicia. Ingresou, por oposición, na carreira xudicial en 1924 e chegou a acceder á maxistratura, pero solicitou a excedencia en 1944. En diante exerceu como prestixioso avogado desde o seu gabinete na cidade da Coruña. No campo do dereito destacou tamén como ensaísta, faceta que desenvolveu habitualmente en galego.
O exercicio profesional non lle impediu a Sebastián Martínez-Risco intensificar a súa actividade cultural. Participou, entre outras iniciativas, no proxecto da fundación da editorial Galaxia e presidiu a RAG entre 1960 e 1977. O académico soubo levar as rendas da Academia en tempos complicados imprimíndolle dinamismo e incrementando a súa proxección pública. Durante o seu mandato saíu tamén adiante o proxecto de traslado da Academia á sede actual, na rúa Tabernas, 11.