Pola esquerda, o concelleiro de Cultura da Coruña, José Manuel Sande, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, na presentación do acto musical e literario de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala
Nos meses seguintes ao nacemento da Irmandade da Fala da Coruña, novos grupos locais constituiríanse por toda Galicia co mesmo propósito central: organizárense a prol da dignificación da lingua galega e o seu uso en todos os contextos sociais, ao que axiña se sumaría a reivindicación de Galicia como suxeito político. A Academia e o Concello da Coruña renderanlles homenaxe na mesma rúa en que arrincou a súa historia, no teatro Rosalía de Castro da Coruña, cun acto de entrada libre e gratuíta ata completar aforo, a partir das 20.30 horas, no que a música e a literatura irán da man.
O concelleiro de Culturas da Concello da Coruña, José Manuel Sande, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, presentaron esta mañá o programa en rolda de prensa no pazo de María Pita. Sande salientou a importancia de lembrar un movemento "esencial na reivindicación da lingua e da cultura galegas e absolutamente vinculado á cidade".
Henrique Monteagudo, que recordou que as Irmandades tiveron entre "os seus principais animadores" a membros da Academia, coincidiu na importancia da Coruña no xurdimento e na vida das Irmandades e destacou o "carácter aberto que se lle quixo dar á celebración do seu centenario, que terá lugar xusto do día despois do Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María, quen amosou tamén noutro tempo histórico un compromiso inquebrantable coa lingua galega. "Esta conmemoración é inescusable e queriamos compartila co Concello da Coruña por razóns obvias: desde a súa constitución e ata a disolución, a base máis importante das Irmandades da Fala estivo na Coruña, tanto en canto a actividades como en número de afiliados". O secretario da RAG concluíu defendendo a necesidade de manter vivo o espírito das Irmandades, un movemento fundamentalmente urbano que traballou "a prol da dignificación do idioma e dunha visión de conxunto e moderna da cultura galega". "E ese desafío segue aínda vivo", rematou.
Cántigas da Terra, agrupación coruñesa que cumpre tamén este 2016 cen anos, o ferrolán Real Coro Toxos e Froles (1914), a Coral de Ruada de Ourense (1918) e a formación compostelá Cantigas e Agarimos (1921) serán as formacións encargadas da parte musical do programa, no que a escritora Estíbaliz Espinosa intervirá como mantedora.
Na parte literaria, subirán ao escenario os académicos Manuel Rivas e Fina Casalderrey, a xornalista Cristina Lombao, a profesora Carmen García-Rodeja, a estudante Orleni Mateo, a actriz Isabel Risco, Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Irmandade da Fala da Coruña e presidente da RAG entre 1934 e 1935, e Pedro Fernández Roque, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Vella da Coruña María Pita. As súas voces encherán o teatro de textos escritos por figuras destacadas das Irmandades como Ramón Cabanillas, Lugrís, Vicente Risco e Antón Villar Ponte ou Castelao.
Os coros e a dignificación da lingua
Os coros funcionaron no tempo das Irmandades da Fala como importantes axentes de normalización da lingua galega e de recuperación e promoción da música popular. "Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia", chegou a dicir Antón Villar Ponte, quen concibira este movemento co seu irmán Ramón. Xunto á música, as Irmandades traballaron tamén para introduciren o galego no ensino, na xustiza ou nos actos públicos, así como en xéneros literarios relegados no Rexurdimento. Impulsaron deste xeito a modernización da cultura galega cun novo teatro en galego culto que buscaba superar os clixés ruralistas e costumistas; cultivaron o ensaio, sobre todo como forma de expresión do seu pensamento político, incrementaron a edición de narrativa e avanzaron tamén no xornalismo en galego.
Neste contexto naceron revistas como A Nosa Terra, o medio de comunicación oficial das Irmandades, editoriais como Lar, fundada por Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal na Coruña, ou o Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado en 1919 pola Irmandade coruñesa. Esta agrupación, ademais da primeira en se constituír, foi tamén a que máis afiliados sumou (a metade do total), a máis activa e a que contou con máis mulleres.
1916-1931
Foi Ramón Villar Ponte quen tivo a idea de crear as Irmandades da Fala, segundo explicaría o seu irmán Antón nun artigo publicado n'A Nosa Terra co gallo do segundo aniversario da fundación do movemento. Porén, Ramón negouno décadas despois no seu discurso de ingreso na RAG (1951), no que definía a Antón como "pai feliz da idea".
Sexa como for, o certo é que o seu gran promotor foi Antón Villar Ponte, que a comezos de 1916 empezou a reivindicar a creación dunha Liga de Amigos do Idioma desde as páxinas de La Voz de Galicia, xornal de cuxa redacción formaba parte. As súas ideas quedarían recollidas no mes de marzo dese ano no folleto Nacionalismo gallego. Apuntes para un libro. Nuestra afirmación regional, unha chamada a prol da organización para a defensa e o espallamento do uso do galego, mais tamén da autonomía de Galicia. A proposta foi ben acollida mesmo en sectores da prensa ideoloxicamente dispares e animouno a seguir o consello do seu irmán e convocar a xuntanza fundacional do 18 de maio de 1916. A ela acudiron preto de corenta persoas, entre elas os dous irmáns, Luís Porteiro Garea e membros da Academia como Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldado, Francisco Tettamancy ou Florencio Vaamonde Lores.
A andaina das Irmandades da Fala continuou ata 1931, cando no mes de decembro, logo de chegar a sumar 46 agrupacións en todo o país, produciuse a súa disolución no Partido Galeguista. A formación política mantivo vivo o herdo das Irmandades en materia lingüística e incluíu no seu programa a vindicación da cooficialidade da lingua galega.
Pode descargar o programa do acto de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala nesta ligazón.