Antonio de Toro, Carlos Lema, Alonso Montero, María Alonso Seisdedos, Xabier Queipo e Antón Vialle durante a presentación do Ulises na Academia
A versión galega do Ulysses, publicada orixinalmente en 1922 e considerada unha das obras cume da literatura universal, é froito do longo traballo dun equipo cun notable "curriculum" como tradutores de autores e obras de moi distintos xéneros e linguas formado por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle.
Foi un labor de discusión de criterios e de debate, como non podía ser doutro xeito ante unha novela da complexidade e dificultade mesmo para os lectores cultos ingleses cun gran dominio do idioma. que deu comezo no ano 2004 e rematou no 2013, cando a obra sae finalmente do prelo baixo o selo da editorial Galaxia.
O xurado deste premio outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura, e do que formou parte, entre outros, o profesor da Universidade de Vigo, Amadeo Gonzalo Constenla, en nome da Real Academia Galega, salientou no seu ditame a dificultade de traducir unha obra como o Ulysses pola "ampla combinación de rexistros, xogos de palabras ou alteracións presentes no orixinal", que o equipo de tradutores soubo resolver de xeito brillante.
En palabras do membro de número da Academia e director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, a tradución do Ulysses supón "unha proba de madureza da cultura galega", que a súa editora concibiu, máis que como un investimento comercial, "como un acto en defensa da dignidade e da modernidade da lingua e a cultura galega".
A Real Academia Galega lembra, con este motivo, con especial emoción, a un ilustre académico, a don Ramón Otero Pedrayo, quen, en 1926, traduciu ó galego significativos fragmentos do Ulises, daquela non vertido aínda a ningunha outra lingua hispánica.