Na Guía de Portugal en oito volumes, iniciada en 1924 por Raul Proença e continuada desde 1944 ata 1969 por Sant’Anna Dionísio, inclúese no volume IV, tomo II, dedicado ao “Minho”, un capítulo asinado por D. Ramón Otero Pedrayo (tradución de Augusto Casimiro) sobre a “Fronteira Galaico-portuguesa” (1965), que non vén citado no repertorio bibliográfico do número extraordinario que lle dedicou a revista A Nosa Terra, en 1987 (“A sombra inmensa de Otero Pedrayo”), que é o compendio máis rigoroso do que teño noticia.
Esta Guía, que me ten acompañado en moitas das viaxes que levo feito polo país veciño como un bo e leal amigo, sobre todo polo norte e As Beiras, é un auténtico monumento literario (entre seus colaboradores figuran nomes egrexios como Aquilino Ribeiro, António Sérgio, Teixeira de Pascoaes ou Orlando Ribeiro) e para algúns comentaristas (Silva 2010) debería estar incluído entre “Os lugares da memória” portugueses. Foi concibido nos anos vinte do pasado século cando, despois da Gran Guerra, comezou a medrar a chegada dos turistas estranxeiros á Península Ibérica e guías como a alemá Baedeker, con traducións ao inglés e francés, facíanse imprescindibles. A primeira edición desta guía de 1898 estaba dedicada a España e Portugal e a segunda de 1914 foi a máis coñecida polas achegas gráficas que incorporaba. Eran, en xeral, “guías de itinerario” que utilizaban a rede de camiños de ferro e as principais estradas como o eixo fundamental das descricións.
Co obxectivo de corrixir os erros de vulto que tiñan estas guías sobre Portugal, segundo a opinión de Proença, foi polo que decidiu primeiramente emprender este magno proxecto. Pero tamén tiña moi claro, como outro obxectivo senlleiro, o de darlles a coñecer aos portugueses o seu propio país, polo que “ao contrário dos outros guias (que são estritamente guias do viajante em caminhos de ferro) o nosso é um guia de todo e cualquer viajante, que faça as suas excursões numa carruagem de 1ª, num automóvel, num barco de vela, ou trepe modestamente a pé a ingreme e pedregosa ladeira dun carreiro de cabras”. Pretendía, enfrontándose ao descoñecemento “desastroso” que tiñan os portugueses do seu territorio e cultura, poñer ao seu alcance “um instrumento que lhes permita partilhar esta descoberta, quase iniciática, do universo cultural e natural da nação”.
O escritor, xornalista, profesor e activista cultural portuense, Sant’Anna Dionísio (1902-1991) xunto a outros amigos de Proença, decidiron tres anos despois do seu pasamento1 rematar a súa obra respectando ao máximo o espírito do seu iniciador, así como conseguir finalmente que a Fundación Calouste Gulbenkian aceptase como propia a súa edición. Sinalouse que se se tivesen en conta as últimas reimpresións do ano 1991, podería dicirse que este proxecto atravesou os tres réximes políticos do século vinte lusitano, conseguindo unha rara unanimidade, froito en boa parte do espírito aberto dos seus promotores, pero tamén porque o pobo portugués o considerou como seu. De certo, no tomo 3º que iniciaba a segunda xeira desta Guia solicitábase a colaboración de calquera que puidese achegar novos datos para as súas futuras reimpresións. A carón de nomes como os de Raul Brandão, Egas Moniz, Jaime Cortesão ou Rodrigues Lapa, entre outros, aparecía o do noso don Ramón, que certamente debeu de atender o encargo con sumo gusto e pracer, non só polo tema, do que dicía: “Qué pequeno libro, formoso e doloroso, podía escreberse sobre estas fronteiras!”, senón tamén polo importante proxecto no que se lle solicitaba partillar. Despois de todo, el xa tiña escrita, só dous anos despois da aparición do primeiro tomo da Guia de Portugal, a súa Guía de Galicia (1926) que, como a de Proença, era sobre todo e ante todo, “un libro de amor e de devoção” ao seu país.
BIBLIOGRAFÍA
Silva, Júlio Joaquim da Costa Rodrigues da (2010). À Descoberta de Portugal: o “Guia de Portugal” de Raúl Proença. Lusíada História 7. 134-165.


