Neste mes de xaneiro cúmprense setenta e cinco anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea. Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía de Castro no século XIX. Castelao no século XX.
A Real Academia Galega súmase ás celebracións que nos próximos meses están programadas arredor da figura e a obra do rianxeiro universal, celebracións nas que participan distintas institucións de cultura galega xunto con iniciativas do común, tanto de dentro como alén da xeografía de Galicia.
![](/documents/35271/235844/Tribuna_2025.01.07.jpg)
Moi poucas personalidades concitan tanto recoñecemento e adhesión como Castelao. Xa en vida. O pé do debuxo do álbum Nós (1920) que representa un coloso en construción rodeado de escadas e obreiros resume a súa filosofía: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos”. Esta idea dun proxecto común (Galicia) en permanente proceso de construción, que demanda a participación de toda a comunidade, mesmo por riba de diferenzas cativas, é un discurso que repetiu ao longo de toda a súa vida e que plasmou nesoutro documento fundamental: a “Alba de Gloria” do ano 1948, pouco antes do seu falecemento.
Galicia somos todos e todas. A cultura galega é un proxecto en construción que se expresa en formas e con sensibilidades diferentes. Vivimos un tempo de grandes desafíos que debemos afrontar dende a esixencia crítica e con afouteza, dende o traballo e con ilusión, mais tamén con espírito aberto, pois somos unha parte do mundo, non unha illa, e coa casa disposta a recibir a quen quere vir traballar nela, sen sectarismos, sen exclusións. Tal é o espírito que a obra de Castelao nos transmite.
A Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas do ano 1964 a Castelao, e mentres el viviu (obrigado ao desterro) non declarou vacante a súa cadeira, unha maneira de recoñecer o seu legado e a súa significación. Setenta e cinco anos despois do seu pasamento en Buenos Aires a súa memoria segue viva e así o queremos recoñecer.