Tren de proximidade

Moito se leva falado nos últimos anos da necesidade de modernización da rede ferroviaria de Galicia. A esperada chegada do tren de alta velocidade e o anuncio o nove de febreiro de 2012 por parte da ministra Ana Pastor de que se crearía en Galicia unha Xerencia para o "tren de cercanías" deu lugar a que o léxico referido ao mundo do transporte ferroviario tivese unha alta presenza nos medios de comunicación.

O "tren de cercanías" é unha reivindicación histórica e practicamente unánime de todos os grupos do Parlamento de Galicia, pero non parece este o termo máis axeitado para denominalo en galego.

1. O concepto.
Co nome tren de cercanías coñécese unha modalidade de transporte (especialmente de viaxeiros) por tren, caracterizado:
a) por prestar servizos entre un núcleo urbano e os seus arredores ou outros núcleos poboacionais que se atopan a pouca distancia. É, pois, un tren de curto percorrido.
b) É un tren que desde o punto de vista connotativo ten unha incidencia moi directa sobre a vida dunha parte impotante dos cidadáns, xa que habitualmente para moitos deles é o medio utilizado a diario para o traslado desde o domicilio ao lugar de traballo, aos centros de lecer, aos centros de estudo (especialmente os universitarios) etc.

2. Inadecuación para o galego da denominación tren de cercanías.
O nome tren de cercanías é inadecuado e inaceptable para a lingua galega, xa que a palabra cercanía é un substantivo formado a partir do adxectivo cercano inexistente na historia da lingua galega. Podería pensarse en aceptar un préstamo do castelán, pero neste caso trataríase dun préstamo innecesario, xa que existen outras posibilidades denominativas transparentes sen necesidade da adopción do castelanismo.

3. Opcións para o galego.
Hai que advertir que propiamente non estamos ante un termo especializado para o que sexa recomendable unha única denominación, xa que se refire a un concepto que non se restrinxe a un ámbito científico ou técnico, senón que é de coñecemento e de vivencia popular. De aí que poden perfectamente convivir dúas ou mesmo máis denominacións, como ocorre noutras linguas.

A forma que se recomenda en primeiro lugar é a de TREN DE PROXIMIDADE. Esta é a primeira opción, porque a palabra proximidade recolle ao noso entender moi ben as dúas notas que caracterizan este tipo de tren: a) a distancia curta do seu percorrido; e b) a presenza case familiar deste medio de transporte na vida diaria dos cidadáns que o utilizan habitualmente.

Pero tampouco se rexeitan como denominacións alternativas as de:
- tren local (opción que estaría en consonancia coa inglesa local train e coa italiana treno locale); e mesmo
- tren de arredores (opción que respondería á mesma motivación que o fr. train de banlieue e o cat. tren de rodalia).

4. Conclusión
A proposta que se vén recomendando desde hai anos desde a Real Academia Galega é a de tren de proximidade, pero serían igualmente adecuadas denominacións como tren local ou tren de arredores. A lingua é un instrumento de comunicación social e pertence á sociedade que a fala; será pois o pobo quen decida cal destas opcións (ou quizais outra) é a que acaba triunfando. A RAG estará sen dúbida atenta a esta evolución.