As persoas asistentes á sesión coñecerán tamén a orixe e o significado de diversos topónimos que designan a paisaxe cotiá de Tordoia, unha sección que estará baseada no libro Toponimia de Tordoia, da autoría de Luz Méndez e Lidia Gómez e dispoñible na páxina web da RAG en versión dixital. Precisamente, Lidia Gómez e o topónimo Tordoia protagonizarán unha nova entrega da serie de micropezas documentais O Seminario de Onomástica responde que verá a luz nas vindeiras datas.
A campaña Toponimízate, organizada pola RAG en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, xa estivera no ano 2019 en Ordes e agora volve ás terras desta comarca coa intención de concienciar a poboación do valor cultural da súa toponimia menor e procurar persoas que colaboren na súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
A necesidade desta charla en Tordoia vén motivada porque é un dos concellos que menos achegas recibiu desde o lanzamento de Galicia Nomeada a finais de 2019: desde aquela, só hai rexistrados 22 novos topónimos no seu termo municipal, achegados por 5 persoas colaboradoras. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Tordoia non foi obxecto do traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre 2000 e 2011.
Galicia Nomeada conta con milleiros de colaboradores que nestes anos recuperaron máis de 79.000 microtopónimos por todo o territorio do país.