O volume, que inclúe un mapa onde se recollen todos os topónimos das parroquias, lugares, montes, ríos e bens patrimoniais, acaba de ver a luz na colección Terra Nomeada que edita a Real Academia Galega en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica e o Concello de Ames. O Pazo da Peregrina acolleu hoxe a súa presentación nun acto no que o autor estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Ramón Lorenzo; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e académica correspondente, Ana Boullón; o alcalde de Ames, José Miñones; e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero.
Toponimia de Ames achega dun xeito divulgativo e ameno o público á historia e aos significados das parroquias de Agrón, A Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte, e de todas as demais entidades de poboación. "Algúns destes topónimos parecen máis claros do que en realidade son. É o caso, por exemplo, de Agrón, que é ademais un topónimo único en Galicia. As atestacións medievais obrigan a descartar calquera relación con agro, malia a aparencia, e podería ter orixe, segundo unha das hipóteses, nun étimo prerromano, OKR-ONO, aplicado a un lugar elevado ou outeiro", explica Xosé Ramón López Boullón.
Outro topónimo que non obedece á interpretación máis sinxela é O Instrumento, que se repite nas parroquias de Bugallido e Ortoño. A hipótese máis verosímil considérao unha grafía errada ou cultista dun orixinario estrumento, adxectivo formado sobre estrume, a materia vexetal empregada para facer a cama dos animais e o esterco, e que é un derivado do verbo estrar ‘esparexer', detalla o autor.
Documentos históricos e fontes
A obra que asina o filólogo é froito dun inxente traballo de consulta de documentos históricos a través do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, o Arquivo Universitario e o da Catedral de Santiago ou o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga). "Unha fonte documental moi importante, á parte dos libros de tenzas da Catedral de Santiago, foi o tombo do mosteiro de Toxosoutos", salienta Xosé Ramón López Boullón. Outra axuda fundamental foi a prestada polos informantes que o acompañaron e lle axudaron a coñecer mellor cada parroquia, grazas á colaboración da Asociación de Veciños e Veciñas Pedra do Fuso, e polo Colectivo A Rula.
Pola esquerda, Ana Boullón, Ramón Lorenzo, José Miñones, Víctor F. Freixanes, Isabel Vaquero e Xosé Ramón López Boullón. Fonte: RAG
Outros exemplos da orixe dalgúns topónimos que se recollen neste traballo son o do lugar da parroquia de Ames denominado Augapesada, que toma o seu nome do río así chamado, tamén coñecido como rego dos Pasos e tributario do Sar. A máis verosímil das etimoloxías é a que relaciona a súa orixe coa ponte do antigo Camiño Real e interpreta o segundo elemento como alteración de pasada. Tamén se consideran hidrotopónimos os nomes de Ames (lugar moi húmido) ou A Maía, que procede dunha raíz hidronímica indoeuropea *AM- que significa auga, río ou canal.
Os zootopónimos, que fan referencia ao mundo animal, son igualmente comúns. É o caso de Cruxeiras, derivado do nome galego da ave nocturna curuxa e que indicaría que este foi un lugar con abundancia de aves ou, en uso figurado, un lugar esgrevio, pouco accesible ou semioculto, como o hábitat común das curuxas. Tampouco faltan topónimos relacionados coa vexetación, como é A Folgueira, que se refire ao lugar onde medran as folgueiras, tamén chamadas fieitos ou fentos.
Colección Terra Nomeada
A Real Academia Galega edita a colección Terra Nomeada coa colaboración da asociación Galega de Onomástica, que coordina e supervisa cientificamente as obras. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, subliña a importancia dos topónimos como parte do idioma, mais tamén da historia, como reflicten todos os volumes deste proxecto. "A lingua é a expresión máis afortunada que os seres humanos temos para identificar e compartir a realidade. Os nomes de lugar forman parte do corazón da lingua, patrimonio histórico no que recoñecemos a memoria dos nosos devanceiros", expresa.
A presidenta da AGOn e académica correspondente, Ana Isabel Boullón, incide tamén na conexión da toponimia coa historia do espazo que designa. "Como os nomes de lugar están fondamente arraigados no territorio, este estudo vainos dar información de como era a terra que os nosos devanceiros habitaban: o tipo de terreo (a súa composición, a súa forma), a vexetación e a fauna, os cultivos e, ás veces, os seus apelidos. En definitiva, como se foi establecendo a relación das persoas co espazo en que vivían, que vén a ser tamén a maneira de relacionarnos e de conformar a nosa sociedade", detalla. Unha información, prosegue, exposta de xeito divulgativo pero rigoroso, "porque o estudo etimolóxico debe basearse nas documentacións históricas e nun coñecemento profundo da evolución lingüística, sobre todo do significado das palabras e dos cambios dos sons e das formas".