Toponimízate xa percorreu este ano 15 concellos do país e máis de 70 desde que comezou a súa andaina en 2017, concienciando a cidadanía da importancia de salvagardar a toponimia tradicional de cada concello, nomes de leiras, montes, fontes, regueiros ou penedos, entre outros microtopónimos, que seguen vivos na memoria das persoas de máis idade e que corren o risco de se perder. Dende 2019, a aplicación Galicia Nomeada facilita a participación da veciñanza na recolla deste rico patrimonio inmaterial. Os obradoiros de Toponimízate son de especial importancia en concellos como O Incio, onde desde a posta en funcionamento da aplicación só se incluíron 14 microtopónimos. A sesión desta tarde procurará así novas persoas colaboradoras que acheguen microtopónimos a un proxecto que promove ademais a comunicación interxeracional.
A charla de hoxe incluirá un percorrido pola riqueza toponímica de Galicia, o seu valor como patrimonio cultural inmaterial e a necesidade de evitar a súa perda e, por último, unha parte dedicada a comentar o significado dos nomes das parroquias e aldeas que conforman o concello do Incio. Entre eles, falarase das diferentes hipóteses etimolóxicas que existen sobre o nome do río Mao, que deixou a súa pegada en tres freguesías do Incio: Santa María, San Salvador e San Román, todas elas apelidadas do Mao. Malia aparentar un topónimo transparente formado polo adxectivo do galego común ‘mao’, a maioría dos expertos en toponimia relaciónano cunha raíz hidronímica prerromana *U-M, tendo en conta que aparece mencionado na documentación medieval como “rivulum Omano / Umano / Homano / Humano”.
Última charla Toponimízate do 2022, o próximo luns en Zas
A rapazada do IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas) será a encargada de lle pór o ramo á campaña Toponimízate a vindeira semana. A cita será o luns, 28 de novembro, ás 16:30 horas na sala de usos múltiples e contará coa presenza de Xosé María Lema, académico correspondente, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e gran coñecedor deste concello da Terra de Soneira.