O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, foi o encargado de presentar na Casa da Cultura municipal a charla impartida polo coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, que conta co apoio do académico correspondente Gonzalo Navaza nas explicacións sobre a orixe e o significado dos topónimos divulgados. A sesión dedicada a Ribeira foi seguida dende a canle de Youtube da RAG polo alumnado do IES Leliadoura, do CIFP Coroso e do CEIP Plurilingüe O Grupo, polas persoas asistentes ao Centro Cultural Lustres Rivas e por outros ribeiráns e ribeirás desde as súas casas.
Xueus e Sinoga, dous topónimos únicos de Outeiro de Rei
De entre os máis de 190 nomes de entidades de poboación e parroquias de Outeiro de Rei, Vicente Feijóo salientou a ampla presenza no territorio de antropónimos rematados en -ai e -oi, como Aspai, Caboi, Candai ou Taboi, que remiten ao pasado medieval e á ampla riqueza onomástica daquela época: Aspanius, Calapodius, Candianus ou Candinianus e Tabulonis, nomes hoxe totalmente esquecidos.
O técnico da RAG tamén se detivo noutros dous topónimos que só se rexistran en Outeiro de Rei, Sinoga e Xueus, que falan da posible presenza de hebreos na historia do concello. O primeiro, Sinoga, é síncope de synagoga, voz grega que significa ‘reunión’ e, por extensión, ‘templo’; mentres que Xueus procede de Iudeus, e talvez deixou pegada no territorio por ser o apelido ou alcume do primeiro morador do lugar.
Fromistán, aldea da parroquia de Cela, é outro antropónimo tamén ben curioso de Outeiro de Rei. De orixe gótica, está relacionado coa localidade palentina de Frómista, coñecida por ser unha das paradas importantes do Camiño de Santiago.
A pegada do léxico ribeirán en Caramacheiro ou Modorróns
Ademais da etimoloxía das nove parroquias de Ribeira, o público da charla en liña dedicada á toponimia deste concello coruñés puido coñecer o nome de diversos lugares recollidos no Nomenclátor, entre eles algúns que beben do léxico propio da zona. É o caso de Modorróns, que ademais dun nome de lugar é un termo que se emprega na Barbanza para designar as dunas; ou Caramecheiro, que indica “abundancia de caramechas”, unha palabra que nalgúns puntos da costa galega é unha variante dos “caramuxos” mais que en Aguiño se utiliza para designar os “caracois de terra”.
Rascacú é outro dos topónimos máis curiosos de Ribeira. Probablemente faga referencia a unha pedra pola que esvaraban os rapaces e por iso “rañaba o cu”; porén, non se pode descartar a súa orixe fitotoponímica pois a voz rascacú é unha denominación dialectal do arbusto da familia das liliáceas tamén coñecido como xibarda, xilbarbeira ou mesquita.
Vicente Feijoo tamén abordou na sesión o significado da toponimia maior da contorna, comezando polo propio nome do concello, Ribeira. O 3 de marzo de 2020, a Casa do Concello albergou un acto público no que, convocados polo alcalde, Manuel Ruíz, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expuxeron ante os membros da corporación municipal e a veciñanza as conclusións dun informe elaborado pola RAG que defende a lexitimidade da grafía con -b- do topónimo Ribeira. Este nome procede do latín RIPARIAM, cun significado semellante á voz do galego común ribeira, “franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar”. No caso concreto do topónimo, existen múltiplos testemuños, xa dende o século XIV, coa forma -b-.