O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, e a subdirectora xeral de Planificación Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua, María Coutinho Villanueva, presentarán a sesión que impartirá o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo Ares, no que é un dos dez concellos galegos con maior superficie territorial e o terceiro en número de entidades de poboación. Porén, o inmenso patrimonio toponímico que atesoura o municipio non se reflicte en Galicia Nomeada: desde o seu lanzamento, só se recibiron 287 achegas públicas de microtopónimos, que se sumaron aos 515 nomes de entidades de poboación rexistrados no Nomenclátor de Galicia. A cifra é moi inferior a doutros concellos de superficie similar como Guitiriz (Lugo) ou A Veiga (Ourense), que contan con 4.904 e 5.290 topónimos anotados en Galicia Nomeada, respectivamente.
Con este punto de partida, o principal obxectivo da charla será sumar o maior número posible de colaboradores que comecen a rexistrar a microtoponimia estradense. Vicente Feijoo ensinaralles aos asistentes as funcións básicas de Galicia Nomeada, desde como darse de alta e engadir novos topónimos ata como anexar imaxes ou audios en cadansúa ficha, así como facer suxestións sobre nomes que estean mal rexistrados ou mal situados.
Nomes únicos como Curantes e Tabeirós
Outras das seccións que ocupará boa parte da charla será a dedicada á orixe e ao significado dos nomes dalgunhas das parroquias (50) e aldeas (517) deste concello, información publicada en dúas obras fundamentais sobre a súa toponimia maior: Toponimia da Estrada, de Fernando Cabeza Quiles, publicada pola Real Academia Galega; e Os nomes da Estrada, de Clara Iglesias Cortizo. Entre tanta riqueza toponímica que atesoura a Estrada, non é de estrañar que haxa alfaias únicas, como Curantes, topónimo posiblemente prerromano e de significado descoñecido; ou Tabeirós, documentado na antigüidade como Tavariolos, Taveriolos, Taveirolos e Taveiriolos e considerado un hidrónimo prerromano.
Dúas citas con Toponimízate a vindeira semana
Tras o paso pola Estrada, Toponimízate desprazarase á provincia de Lugo con dúas citas o vindeiro luns 6 de outubro: ás 12:00 horas a rapazada e o profesorado do CPI de Cervantes aprenderán a importancia que teñen as novas xeracións na conservación da toponimia tradicional; e xa á tardiña, ás 19:00 horas, o Centro Sociocultural de Baralla acollerá o último dos relatorios Toponimízate na provincia lucense deste ano.