'Terra Rebada', de Díaz Castro

O 19 de febreiro de 1914 nacía Xosé María Díaz Castro, na Academia conmemoramos o centenario do seu nacemento publicando un dos seus poemas.
Xosé María Díaz Castro
Xosé María Díaz Castro


Na súa Escolma de poesía galega IV, Francisco Fernández del Riego incluía sete poemas de Díaz Castro precedidos dunha introdución á poesía deste autor a cargo de Ramón González-Alegre que reproducimos máis abaixo:

É notabre a poesía de Díaz Castro pola fonda sensación de hachádego definitivo coa terra de Galicia. Arrebata a ampla sensibilidade da súa lírica, que se compraz en agromar o pulo da súa patria, da súa paisaxe carregada de suxestiós, do seu tono prástico e vigoroso. Quizaves sexa o poeta galego aitual con máis esaito dominio da forma, posta ao servicio dunha outa calidade.

Hai ademais en Díaz Castro, algo que falta en grande parte da xeneración moza dos poetas galegos de hoxe, i é a madurez creadora, o acerbo de esperencias poéticas que o espritualizan.

Díaz Castro sabe viaxar polos paraxes onde o home galego é caudaloso río, e craro cristal de transparencias nídias.

TERRA REBADA
Ei, o sol, niño ardendo nos loureiros!
Alegría do agro cheo de homes!
Nos meus ollos de neno lapas, hoxe
terra rebada.

Lóstrobos enroscados das fouciñas
e voces grandes coma de meu pai!
Ruxir aceso das paveas, hoxe
praias do vento.

Sobre da lapa das espitas, ei!,
un son de frauta ou chafarís de ameixas.
Muiñeiras de anxos polos trigos, hoxe
sombras alleas.

Us beizos duros co cigarro ó enxizgo
moulando hestorias dos cañós de Cuba.
Un neno atúa ós petrucios, hoxe
pó caladiño.

Bérrolle ó sol bendito, ó can raxado
que abrouxa o sono dos carballos, ei!,
ás maus ulindo a tarde espigas, hoxe
terra na terra.

Bérrolle á nena coa mazá nos dentes
que perdéu o seu nome tralo atlántico,
berro nas portas doutro mundo, e non oio
máis que o meu berro!

Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos (Galaxia, 1955).