Sofía Casanova, reporteira na Gran Guerra

A escritora galega e membro correspondente da Academia desde a súa fundación, Sofía Casanova (1861-1958) foi tamén unha das primeiras mulleres do estado español en exercer o xornalismo de guerra.
Sofía Casanova
Xantar celebrado polo Sporting Club no parque do Leirón en honor de Sofía Casanova. En primeiro plano á esquerda, o médico Rodríguez, logo un home non identificado, Sofia Casanova e á dereita, Andrés Martínez Salazar (30 de xullo de 1919)


Trasladada a Madrid na súa mocidade, Sofía Casanova coñece na Corte ao nobre, filósofo e patriota polaco Wincenty Lutoslawsky con quen casa en 1887, e con quen ha compartir, ao longo de toda a súa vida, a militancia na causa da emancipación nacional de Polonia, un país daquela baixo o dominio conxunto de Prusia, Rusia e Austria-Hungría, que repartiran os seus territorios.

Durante as súas estancias na súa Coruña natal na década dos noventa, Sofía Casanova, dominadora de varios idiomas e xa unha xornalista recoñecida internacionalmente, entra en contacto co círculo de escritoras do que formaban parte Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato Muruais e Fanny Garrido, e coñece tamén o grupo galeguista reunido na Librería Regional arredor de Murguía, a Cova Céltica. Durante estes anos, Casanova vai ir publicando as súas primeiras obras de carácter literario, como as novelas El Doctor Wolski (1894) e Sobre el Volga helado (1903), ou o poemario Fugaces (1898).

Co estoupido da I Guerra Mundial en xullo de 1914, a escritora coruñesa alístase como enfermeira na Cruz Vermella na fronte oriental que atravesaba Polonia, e un pouco máis tarde, é contratada polo xornal madrileño ABC como reporteira de guerra para informar sobre o desenvolvemento da actividade bélica nesta zona. Nas súas crónicas, reunidas en parte a posteriori no volume De la guerra, publicado en 1916, Casanova non agocha as súas simpatías co bando ruso-polaco en loita co invasor alemán. En 1917, o comezo da Revolución Rusa sorpréndea naquel país, o que lle dá a oportunidade para relatar, en primeira persoa e horrorizada, a desaparición do réxime zarista, e mesmo de entrevistar a Trosky.

Recibida en España como unha heroína en 1919, Casanova establécese definitivamente en Polonia a partir de 1938 e ata a súa morte, acontecida en Poznan en 1958. En 1952 foi nomeada membro honorario desta institución.

Na carta a Murguía que reproducimos aquí, do 25 de setembro de 1912, Sofía Casanova agradécelle o agasallo duns libros. Unha transcrición desta carta pódese ler nesta ligazón.