Sobre no que foi enviado o derradeiro escrito de Curros Enríquez, en 1922

Sobre no que foi enviado o derradeiro texto escrito por Curros
Imaxe do sobre no que foi enviado o texto de Curros


Este é o sobre no que se enviou á Academia o derradeiro escrito de Curros Enríquez, o cal foi recibido o día 1 de setembro de 1922, procedente da Habana, Cuba.

O texto enviouno como doazón á Real Academia Galega Juan G. Pumariega, administrador do Diario de la Marina. Pumariega conservou o manuscrito durante máis de 14 anos, pero finalmente, animado pola insistencia do seu amigo Vicente Ruíz e, máis tarde, pola solicitude formal da Academia, remitiu as cuartillas, as cales foran escritas o 25 de xaneiro de 1908, pouco máis dun mes antes da morte do poeta.

O sobre contiña a obra A prensa, un manuscrito de 12 cuartillas que trataba sobre os verdadeiros motivos da chamada a Washington de Charles E. Magoon, que fora nomeado gobernador en Cuba durante a segunda intervención estadounidense.

A administración de Magoon en Cuba (1906-1909) caracterizouse pola corrupción administrativa e a dilapidación dos fondos públicos, ao que hai que engadir que satisfacía as ambicións dos políticos deshonestos e dos burgueses nativos, desenvolvendo amplamente a "botella" (recibir un soldo por unha praza sen traballar nela).

A importancia que lle deu a Academia a este envío quedou reflectida no texto, que, con distintas grafías, está repetido por toda a superficie do sobre.

O envío postal fíxose con seis selos de 2 céntimos de Máximo Gómez. Independizada dos españois no ano 1898, a nova República Cubana tivo en Gómez o seu heroe nacional, encarnación da loita revolucionaria.