Héctor Silveiro cun grupo de profesoras de galego no Bierzo
Cal era o status do galego nas aulas bercianas ata este curso?
Antes do presente curso, o programa de galego no Bierzo, que levaba en marcha desde o 2002, fora superando atrancos ano tras ano e gañando máis centros nos que se ofertaba esta materia, ata chegar aos catro deste ano. Atrancos e problemas nas matrículas houbo desde sempre, por exemplo, sempre houbo unha única folla de inscrición en castelán, pero grazas á mobilización e ao esforzo das familias, máis de mil en total, acadamos que o ensino do galego fose medrando no Bierzo.
Mediante que programa se introduce o galego nas aulas?
O programa é un programa tímido. En infantil e primaria o galego dáse nas horas de plástica, e en secundaria, unicamente como lingua vehicular da materia de sociais, sempre como unha optativa de elección voluntaria, e a todos os estudantes que completaban o curso, a Xunta concedíalles o Celga 3. En todo este proceso nunca se estipulou un baremo, é dicir, un número mínimo de estudantes de galego para ter dereito a recibir as aulas.
Que cambios introduciron neste curso?
O cambio chega cando, xa cos alumnos matriculados, descubrimos que a Xunta de Castela León, sen previo aviso aos pais, deixa os alumnos dos centros con menos matriculados sen profesor. Isto foi o que pasou en Cacabelos, e cando os pais da zona se mobilizaron, o que fixeron foi retirar unha profesora de Ponferrada e levala para alí, e dicirlle aos alumnos de Ponferrada que escollesen outra materia ou cambiasen de centro.
Que perspectivas teñen cara ao futuro?
Estamos nunha situación arbitraria e de desequilibrio, na que aos alumnos son informados dos cambios a posteriori, cando xa están matriculados, e tampouco existe unha previsión de como van funcionar as cousas a longo prazo, e todo isto na comarca galego falante que máis usuarios da lingua está a perder. De todos xeitos, confiamos en que, tras a reunión da Comisión Bipartita (formada pola Xunta de Galicia e a de Castela León) que se vai celebrar nos vindeiros días, busquen unha saída a esta situación.