Sobre a designación da personalidade literaria do Día das Letras Galegas

No día de hoxe o presidente da Real Academia Galega recibiu, tal e como fixeron público distintos medios de comunicación, a unha comisión, presidida polo señor alcalde de Ferrol, para "defender a candidatura" de don Ricardo Carballo Calero como o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017. Unha hora despois (ás 13:00 horas), recibiu a Asociación Cultural Avelino Díaz (Meira) interesada en que o próximo 17 de maio se homenaxee o escritor Avelino Díaz (Órrea, Riotorto, 1897 – Buenos Aires, 1971).

Esta asociación hai días fixo chegar á Academia un volume de 145 páxinas con valiosa documentación sobre o escritor no que expoñen as razóns da súa proposta. A Academia agradece esta achega erudita –xa na Biblioteca da Institución- como agradece canto labor se faga para un mellor coñecemento da vida e da obra de calquera escritor ou escritora; agradece, tamén, que calquera institución galega faga chegar á opinión pública o nome e os méritos de calquera personalidade literaria, sexa ou non galardoada, no seu día, co loureiro do Día das Letras Galegas.

A Academia aclara –como fixo nas entrevistas de hoxe e noutras semellantes de datas anteriores- que o único procedemento para elección da personalidade literaria a quen se dedique o Día das Letras Galegas está recollido no seu Regulamento:

(Capítulo 2, Artigo 7)
Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.

En calquera caso, esta Academia reitera a súa gratitude a canto colectivo estude e espalle o nome de calquera escritor ou escritora, e entende, por outra parte, que sería descortesía non recibir a persoas ou comisións interesadas no labor intelectual de calquera personalidade literaria galega.

Ademais das propostas de designación de Ricardo Carballo Calero, remitida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, o Concello de Ferrol e o Concello de Moeche; e de Avelino Díaz, da Asociación Cultural Avelino Díaz, a Real Academia Galega recibiu estoutras propostas para o Día das Letras Galegas: Xosé Agrelo Hermo (por parte da Asociación Cultural O Xeito, Muros), Florencio Delgado Gurriarán (Concello do Barco de Valdeorras), Victoriano Taibo (Instituto de Estudos Miñoranos, Gondomar), Francisco Vales Villamarín (Concello de Betanzos), J. Antonio Saco Arce (proposta a través de Change.org), Tomás Antonio Pereiras Gómez (Concello de Vedra), Carlos Casares (Concello de Xinzo de Limia), Antonio Fernández e Morales (Comisión Cultural Martín Sarmiento e Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo) e Xosé Manuel López "Ardeiro" (Concello de Negreira).