Sesión de tarde do Simposio Vidal Bolaño

Nesta segunda parte do faladoiro, alén de proseguir a pescuda da súa obra, pasouse revista aos eventos máis destacados do Ano Vidal Bolaño.
Alonso Montero e Valentín García
Alonso Montero e Valentín García


O profesor e xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramático e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, foi o encargado de realizar unha revisión e valoración dos actos máis relevantes celebrados este ano arredor da figura de Vidal Bolaño cun discurso titulado "Tempo de seitura". Roberto Pascual principiou o seu discurso lamentando a falta de proxección exterior da nosa cultura: "Resulta sintomática a escasa repercusión que a escolla de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas tivo fóra de Galicia". Porén, o profesor valorou positivamente o tratamento que a figura de Vidal Bolaño recibiu na conmemoración do corenta aniversario da fundación da Mostra de Teatro Abrente: "En Abrente Roberto deu os seus primeiros pasos no teatro galego coa consecución do premio de creación en 1976 pola obra Laudamuco, e naquel fervedoiro cultural, Vidal Bolaño toma conciencia da necesidade de escribir teatro sobre a realidade dun pobo oprimido empregando recursos provenientes da súa tradición parateatral e antropoloxía cultural, de aí o nome da súa primeira compañía teatral: Antroido".

Inma López Silva e Roberto Pascual
Inma López Silva e Roberto Pascual


Roberto Pascual salientou tamén o papel da Escola Superior de Arte Dramático na difusión da obra do dramaturgo santiagués ao longo de todo o ano, a posta en marcha da Asociación Vidal Bolaño, a creación do vídeo documental Telexornal Vidal Bolaño por parte dos alumnos do CPI dos Dices de Rois, o éxito das producións do reconstituído Teatro Antroido, a posta en escena, por parte do Centro Dramático Galego das obras Días sen groria e Criaturas, se ben a súa execución non lle mereceu un xuízo favorable, así como a Procesión Santa Bolaña.

No eido da produción editorial, Pascual salientou a publicación en Galaxia da obra Un chapeu negro e un nariz de pallaso, e das súas Obras Completas I, II e III a cargo de Positivas, así como o monográfico Poder Obreiro editado pola Central Unitaria de Traballadores/as, a edición facsimilar da Ruada das papas e o unto, feita polo Consello da Cultura, e as monografías de Camilo Franco e Afonso Becerra sobre o autor compostelán.

Carlos Biscainho, Gustavo Pernas, Afonso Becerra e Xulio Lago
Carlos Biscainho, Gustavo Pernas, Afonso Becerra e Xulio Lago


Na súa caracterización da obra bolañiana, o dramaturgo Xulio Lago salientou, como trazos distintivos, a súa orixinalidade, humor, a profundidade dos seus personaxes, o uso de referentes espaciais galegos así como a vixencia e actualidade das súas temáticas favoritas hoxe en día. Para Xulio Lago, o talento dramatúrxico de Vidal Bolaño manifestouse con grande eficacia na súa posta en escena de obras consideradas irrepresentables: "Cando Roberto representa Xelmirez, de Cortezón ou a Rosalía de Pedrayo, amosa que esas catedrais do teatro imposible eran obras aptas de seren levadas ás táboas".

"Compostela é hoxe unha cidade bolañesa", deste xeito resumiu o profesor e dramaturgo Gustavo Pernas a potencia estética dos dramas de Vidal Bolaño. Para este dramaturgo, o territorio conflitivo de confluencia entre o individual e o colectivo é o verdadeiro motor creativo dos dramas do de Vista Alegre, e engadiu, "Roberto escribiu papeis desde a escena que logo han permanecer nun libro", para subliñar a concepción integral do drama nun autor, o compostelán, que esborralla decote a fronteira entre o textual e o escénico. O tempo do Franquismo serodio e o fracaso das utopías cinguidas no albor da Transición son outros tópicos predilectos dun autor empeñado en reflectir "o significado sintomático da nosa época".

O profesor e director escénico Afonso Becerra defendeu na súa intervención a liñaxe aristotélica dos dramas bolañianos: "Roberto escribe pezas con principio e fin, con pés e cabeza, e aínda que usa unha estrutura fragmentaria, esabe dosificar a información para ir creando un efecto de suspense na audiencia, como nos filmes do cine negro, o que nos conta, ao cabo, son historias dramatizadas". Para Afonso Becerra, a inclusión da análise do acontecido mediante analepses que regresan, unha e outra vez, sobre unha mesma situación, e o uso de recursos tirados da tradición predramática, da parte máis dionisíaca do teatro, son os trazos máis interesantes da obra dramática do autor compostelán.

Tras da proxección do documental Recuperando a Vidal Bolaño, de Gonzalo Enríquez Veloso, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García déronlle o albaroque ao Simposio, subliñando a importancia do legado de Vidal Bolaño no seu esforzo permanente por construír e dignificar o noso teatro.

Imaxe dos asistentes ao acto
Unha imaxe do debate posterior ás ponencias


Máis imaxes en Fotogalerías.