Sesión de mañá do Simposio Vidal Bolaño

Ao longo desta xornada, que puxo o ramo ao Ano Vidal Bolaño, diversos especialistas analizaron os aspectos máis relevantes da obra do dramaturgo compostelán.
Vázquez Abad, Alonso Montero e María Jesús Lorenzo Modia
Vázquez Abad, Alonso Montero e María Jesús Lorenzo Modia


A primeira parte do simposio, celebrada no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez Abad; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da decana da Facultade de Filoloxía, María Jesús Lorenzo Modia e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

No seu discurso inaugural, o presidente da Academia, logo de lle agradecer á Consellería de Educación e Cultura a súa colaboración e axuda económica para a celebración do Simposio, describiu o Ano Vidal Bolaño como unha edición "especialmente farturenta" do Día das Letras a xulgar polo número de edicións, estudos e representacións da obra do dramaturgo compostelán. "Curiosamente, a celebración do Ano Vidal Bolaño coincidiu tamén co corenta aniversario das Xornadas de Teatro Abrente de Ribadavia onde a figura de Vidal Bolaño emerxeu como unha luminaria, de tal maneira que este ano celebramos dúas efemérides moi importantes para o teatro galego", concluíu o presidente.

Na súa intervención, o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez Abad, manifestou a necesidade de "mantermos viva a memoria de Vidal Bolaño", e salientou, entre as características máis singulares do autor protagonista do Día das Letras 2014, o seu afán renovador, autenticidade e compromiso, "a súa actitude crítica axúdanos a facer medrar en calidade a nosa democracia", rematou sinalando o conselleiro.

Iolanda Ogando
Iolanda Ogando

A seguir, os coordinadores do Simposio, os profesores Dolores Vilavedra, Inma López Silva e Carlos Biscainho, deron paso á primeira das conferenciantes, a profesora da Universidade de Estremadura Iolanda Ogando quen, cun discurso titulado "Encarnar o país: Galiza e as súas xentes na obra de Vidal Bolaño", definiu a obra do dramaturgo de Vista Alegre como "unha tentativa de construír o país". En palabras da profesora Ogando, Vidal Bolaño "empregou unha multitude de recursos que o axudaron a representar e encarnar o país", como parte dun proxecto máis amplo encamiñado a "construír un teatro nacional galego, traballando arreo para facer posible a súa profesionalización e concibindo o teatro como unha ferramenta didáctica para construír e divulgar unha identidade propia". Para Iolanda Ogando, a obra de Vidal Bolaño, marcada pola súa vontade de compromiso, intervención e participación, tivo sempre "vontade de espellar o país", e con esta finalidade empregou diversas estratexias e temas tirados da nosa historia, memoria colectiva e cultura popular, que fixeron del "un autor que se vai converter no centro do canon teatral galego, mais tamén do peninsular e europeo do século XX".

Anxo Abuín, Comba Campoy, Mónica Camaño e Inma López Silva
Anxo Abuín, Comba Campoy, Mónica Camaño e Inma López Silva


A continuación, as actrices Mónica Camaño, Comba Campoy e o profesor da Universidade de Snatiago de Compostela, Anxo Abuín, formaron parte dunha mesa redonda na que analizaron a obra do dramaturgo compostelán desde diversas perspectivas. Así, Mónica Camaño resumiu cunha cita de Vidal Bolaño a natureza do seu proxecto: "Escribo por non estar calado, por amolar,para que non duren tanto certos silencios". Comba Campoy, pola súa parte, relatou a súa experiencia da posta en escena dunha colectánea de textos "bolañianos", mentres que o profesor Abuín centrou a súa intervención na análise da influencia do cine na obra do dramaturgo compostelán.

Imaxe do público asistente
Imaxe do público asistente