Talla dun patriarca da orde benedictina procedente do taller de Gambino e Ferreiro
No presente comentario continuamos a falar das tallas que temos en custodia na Real Academia Galega e que pertenceron ao retablo do altar maior da abadía cisterciense de Santa María de Sobrado.
Esta talla corresponde, sen ningún tipo de dúbida, a unha das dúas figuras que representan patriarcas da orde beneditina, os cales estaban situados na parte alta do retablo. Aínda que descoñecemos o seu nome , así como a súa autoría, o que si sabemos é que saíu do taller de Gambino-Ferreiro, pois a talla cítase nunha carta do abade Narciso de la Mata, onde se fai unha enumeración das pezas contratadas aos dous escultores.
Por esa mesma documentación epistolar do abade tamén coñecemos a presión exercida pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando co fin de controlar o deseño e a execución do retablo.
Esa presión hai que englobala nun contexto de cambios ao longo do Reino de España, tras a chegada ao poder da dinastía dos Borbóns. Nesa España das primeiras décadas do século XVIII, desde un punto de vista estético, non existía un estilo homoxéneo, senón unha amálgama de estilos, situación que foi considerada pola corte borbónica, recentemente instaurada, como un símbolo do caos do vello réxime dos Austrias que debía ser ordenado mediante o impulso da ilustración.
Así, a mediados da centuria, a Coroa, no seu afán por europeizar España, converteu a recentemente creada Real Academia de Bellas Artes de San Fernando no centro oficial e con plenos poderes da Ilustración para as artes. Esta tiña como gran obxectivo a implantación, en todo o Reino, dunha nova e única estética acorde cos novos tempos. O barroco desbotouse por antigo e pouco racional dando paso á hexemonía do neoclasicismo.
Iso provocou non poucas tensións entre o vello gusto periférico e o oficial procedente da capital. A ofensiva centralizadora comezou pola arquitectura, a arte considerada máis elevada por estar moi próxima á matemática, e eixo fundamental das demais artes. O seu ensino foi organizado en cursos metódicos e rigorosos que impartía a propia Academia de San Fernando, impoñendo os seus métodos e o seu manual de estilo aos antigos gremios provinciais, que obviamente se resistían a perder o dominio que exercían desde había séculos na construción, nos seus correspondentes lugares de orixe.
En 1758 a Real Academia de San Fernando, co apoio real, prohibiu o exercicio da arquitectura a quen non superase o exame académico, e, en 1765, por recomendación dela, o poder real lexislou para que os cabidos catedralicios e os concellos das capitais provinciais tivesen que nomear arquitecto titular a unha persoa pertencente á propia Academia.
A partir da década dos anos sesenta, toda obra arquitectónica de importancia debía enviar o proxecto á Real Academia de San Fernando para que esta o aprobase; e así se fixo no caso do retablo maior de Santa María de Sobrado.
Polo que se pode apreciar nun escrito do propio abade de Sobrado, el mesmo non tivo ningún reparo en seguir as recomendacións da Academia, e ata se sentía orgulloso do patrocinio dunha obra que entendía como clara representación dunha vangarda estilística na arquitectura. No escrito afirma que logrou a venturosa oportunidade de que o favorecese o cabaleiro D. Luís de Lorenzana "con una excelente planta, primicias de su tentativa de el español orden". Cómpre aclarar que o neoclasicismo, de evidente influencia francesa daquela, era coñecido como ‘orden español`.
Lorenzana insistiu desde un primeiro momento en que a obra escultórica correse a cargo de artistas vinculados á Academia. Non obstante, o conflito co abade de Sobrado foi evidente, xa que a propia Academia responde ao envío dos primeiros proxectos escultóricos dicindo que o mencionado envío dos proxectos deixa a " junta molesta de la irregularidad e inconsecuencia con que estos Religiosos han procedido". Pese a iso, a vontade dos relixiosos prevaleceu e as tallas foron realizadas por Gambino e Ferreiro, "reputados los mejores de este Reyno de Galicia", segundo as palabras do propio abade.
Aínda así, o control da Academia sobre o labor escultórico seguiu existindo, como demostra un fragmento dunha das cartas entre o abade e a Academia.
Desta influencia académica procede a evolución que experimentou o taller de Gambino-Ferreiro do último barroco ao primeiro neoclasicismo, sendo Ferreiro, por pura cuestión de idade, así como de supervivencia , o máis disposto a aceptar as recomendacións estilísticas da Academia. Por iso, debe considerarse inxusta a catalogación que se adoita facer, a cal nos presenta a Gambino como un vello mestre de gustos desfasados e nos fala dun Ferreiro xenial aberto ás novas correntes artísticas europeas, cando sería máis prudente considerar e xulgar os dous artistas como grandes escultores coherentes co contexto histórico en que desenvolveron a súa arte.