'Segunda Exposición de Arte Gallego' (1917)

Na Coruña, entre os meses de agosto e setembro de 1917, tivo lugar unha exposición de arte galega na que se deron a coñecer os principais artistas plásticos galegos da época.
Cadro El Buen Cura, de Castelao
Cadro El Buen Cura, de Castelao


Cadros de Sotomayor, María del Adalid, Abelenda Zapata, Castro Gil, Castelao e Seijo Rubio entre outros, e esculturas de Asorey ou Díaz Baliño, forman parte desta exposición de arte galega celebrada no pazo municipal da Coruña entre os meses de agosto e setembro de 1917, e cuxo catálogo se pode descargar aquí.

O semanario A Nosa Terra saudaba esta iniciativa, no seu número 28-29 do 30 de agosto de 1917, nos seguintes termos: "Inaugurouse a Eisposición d´Arte Galego no Pazo municipal da Cruña. Foi un auto solene, persidido pol-a condesa de Pardo Bazán, en troques, pr´â nosa fortuna, do menistro d´Instrucción púbrica, Señor X. A Eisposición é un éisito pr´ôs seus organizadores, Sotomayor, Llorens, Palacios, Seijo Rubio e Castillo Pareznos trascendente, porque amostra a realidade d´unha escola galega de pintura. Pareznos a cousa mais importante, no senso artístico, que endexamais fíxose en Galicia. Falaremos d´ela".

E, en efecto, esta exposición tivo un especial seguimento polo voceiro das Irmandades da Fala, que lle dedicou varios artigos ao longo dos números de agosto e setembro daquel ano. Nun deles, sen sinatura, criticábase un cadro de Álvarez Sotomayor, no que presentaba unha visión idílica e sen conflitos de clase do campo galego. Noutro, Antón Villar Ponte refutaba a visión que Emilia Pardo Bazán expuxera da mostra artística galega nun artigo publicado no xornal madrileño La Nación, no que a condesa negaba a existencia dunha escola galega de pintura. Por último, no número 33, un artigo non asinado facía o seguinte resumo da exhibición:

"Ó pecharse a Exposición d´Arte Galego"

"Xa se pechou a Exposición de Arte Gallego. Tíñase invitado –e elo era un gran acerto- a Ramón Cabanillas para o auto de clausura, mas o autor de Da Terra Asoballada non puido aceitar o encárrego debido a ocupaciós axiñosas. Sintímolo abofé, porque ninguén coma il poñería o broche d´ouro ó certame nomeado, dándolle o xeito sinificativo que lle cadra. Cabanillas é a modestia e falla de vaidade por demais. O que denota percisamente o seu xenio.

Pro voltemos a falare da Exposición. Foi unha da cousas máis serias, máis solenes máis trascendentes que se fixeron endexamais na nosa terra. Dende logo a máis formosa e culta de cantas poda haber lembranza na Cruña. Foi un auto galeguista puro. Un auto sin etiquetas nin oficialismos enoxosos. O pirmeiro auto grande, feito por galegos pra galegos, sin pensar en políticos deMadrí. Un ensaio trunfal de nacionalismo artístico. Algunha vez tiña que sere.

Xa se conece que os organizadores non foron os señores de R. O ., senón artista, artistas coma Sotomayor Llorens, Palacios e Seijo Rubio.

¡Benia a vosoutros! Iamos tan cheos das cursilerías seudo-artísticas dos picoreteiros.

A data da abertura e clausura da Exposición de Arte Gallego, representa unha efeméride histórica chea de luz e d´espranza, que con fondo agarimo asiñalamos".

Nota: todas as pezas que, polo seu interese e rareza, vaiamos reproducindo dixitalmente están dispoñibles en Outras Publicacións.