O Museo do Pobo acolle a presentación de 'Se canto é porque quero'

Se canto é porque quero, a serie documental das Letras Galegas 2025, xa pode verse nesta páxina web e na canle de Youtube da RAG. A proposta de tres capítulos tece un mosaico de testemuños e olladas que van retratando o mundo das cantareiras e da poesía popular oral, protagonistas da gran festa do vindeiro 17 de maio. Cada episodio parte dunha das tres personalidades nas que a RAG personifica a celebración –Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda; as Pandeireteiras de Mens, de Malpica de Bergantiños; e Eva Castiñeira, de Muxía–, incidindo no carácter coral da mesma e no presente e futuro da tradición que están a reinterpretar as novas xeracións.

1/3

A produción audiovisual afonda nas ideas centrais destas Letras Galegas nas que a RAG quere reivindicar en último termo “a fala do pobo que mantivo vivo o galego ao longo dos séculos, a enorme creatividade da poesía feita anonimamente e a súa vixencia”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. “Quixemos resaltar a forza viva da tradición dun pobo que segue a cantar porque quere, como di a copla que lle dá título á serie. Como a mocidade está a abrirlle novos camiños con grande éxito”, prosegue. “A natureza colectiva desta festa é outro dos seus esteos”, sinala a secretaria da Academia e promotora da candidatura, Ana Boullón. “Por iso animamos a que cada vila, cada aldea lembre este 17 de maio as súas propias cantadoras, e que lles dea igualmente voz aos netos e netas que fan seu con orgullo este legado, como reflicte tamén a serie”, engade.

O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación de Se canto é porque quero, unha produción da RAG realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Henrique Monteagudo e Ana Boullón, o académico Antón Santamarina, coeditor do Cancioneiro Popular Galego e participante na serie; e os seus codirectores, Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez, compareceron ante os medios neste espazo que custodia o arquivo da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e o propio Santamarina acompañados pola súa presidenta como anfitrioa, Concha Losada.

“Concibimos este proxecto como un manual que achega as chaves para acceder ao coñecemento e á realidade da nosa tradición oral, honrando as mulleres que a crearon e transmitiron xeración tras xeración, pero tamén as persoas que se propuxeron recoller as nosas letras”, resume Damián Varela Pastrana. “Quixemos amosar como son as recollidas, a súa evolución e a dos espazos de aprendizaxe, e puxemos o foco na música do presente”, apunta Alba López Álvarez. Mercedes Peón, Fuxan os Ventos, Felisa Segade ou as rapazas do Regueifa Tour son así algunhas das voces convidadas nun relato que fai parada, entre outras localizacións, nos tres epicentros das Letras Galegas 2025: Cerceda, Malpica de Bergantiños e Muxía, onde se gravou o peche do terceiro episodio contando coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras, Mondra e mais o alumnado e o profesorado do CEIP Os Muíños. 

De Dorothé Schubarth a Cerceda á recolla proxectada nas redes sociais
A serie arrinca na Vila da Igrexa, rememorando o encontro entre Schubarth e Rosa e Adolfina Casás Rama. Relátao na propia aldea das homenaxeadas Richi Casás, neto e sobriño neto de ambas as cantareiras. “No primeiro episodio, Rosa e Adolfina. As recollidas onte e hoxe, quixemos insistir na importancia de documentar e recoller as coplas e as músicas populares, e mais a necesaria complicidade entre as persoas informantes e quen realiza estes traballos”, explica Alba López Álvarez. É un traballo que iniciou Sarmiento hai trescentos anos e que ten a súa biblia no Cancioneiro de Schubarth e Santamarina, realizado entre finais dos anos 70 e principios dos 80 do século pasado. Pero Se canto é porque quero recorda tamén o labor xeneroso de moitas outras persoas que percorreron o país, de rueiro en rueiro, rexistrando a memoria de milleiros de versos.

A música Mercedes Peón é outra das voces que compoñen o primeiro capítulo, que deixa constancia das recollas que realizaron no seu momento novas xeracións. Póñenlle o ramo Ales Míguez, Miguel Lesta e Leticia López Rey, que divulgan nas redes sociais o rico herdo da tradición dándolle un novo xeito. Os tres mozos rexistran a recollida protagonizada polas veciñas de Bembibre Nieves Bello, Servia e María Rodríguez Bello e mais Manola e Carmen Fernández Rodríguez. O episodio dedícaselle a esta última, falecida durante a montaxe da serie, e a todas as mulleres que nos legaron a fala e o canto.

O papel das asociacións en distintos tempos e contornas
O segundo capítulo, As pandeireteiras de Mens. Da aldea á cidade, conta cos testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, presidenta e presidente de honra da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña, da que formaron parte as cantareiras de Malpica de Bergantiños. A narración prosegue coas intervencións das cantareiras da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), que lembran o papel das agrupacións nas vilas e aldeas onde se recuperaron os cantos e os bailes; e mais Carme e Uxía da Pontragha, que tras aprenderen das súas maiores en Tordoia hoxe son mestras de canto e pandeireta nun ambiente urbano. Tamén intervén nesta segunda entrega a cantadora e tocadora Antía Vázquez, membro de Alana, que explica de modo didáctico a estrutura dunha cantiga.

No terceiro episodio, Eva Castiñeira. A necesidade de perdurar, Martín Mondragón (Mondra) e Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) manteñen un encontro co alumnado do CEIP Os Muíños para lle aprender a crear novas coplas e músicas partindo da tradición. Tereixa Novo, Carmen Vázquez e Pedro Lucas, de Fuxan os Ventos, e Felisa Segade, de Leilía, lembran pola súa parte as achegas de ambas as formacións á recuperación das letras e da música popular nun episodio que remata ollando ao futuro coas regueifeiras adolescentes do Regueifa Tour.