'Savonarola', de Cabanillas

Considerado o "poeta da raza" polos seus textos de celme patriótico e agrarista, Cabanillas cultivou tamén a evocación histórica ao xeito modernista como neste poema.
Debuxo de Cabanillas por Castelao
Debuxo de Cabanillas por Castelao


O poema, tirado do libro No desterro: visións gallegas publicado na Habana en 1913, rememora a execución na fogueira do frade florentino Girolamo Savonarola, o 23 de maio de 1498, cuxas cinzas foron deitadas no río Arno para impedir que puidesen ser rescatadas e convertidas en reliquias polos seus seguidores.

Savonarola

Na praza que o Palazzo Vechio cerra,
ante a forca do frade frorentino
cambeado o pobo do Duomo, indino
seu fanatismo embruxado berra.

Esquencendo o saquéo de Volterra,
na fogueira que encende Ramolino
ó arroxar o cadavre, é asesino
das libertades da súa propea terra.

O Cristo da Edá Medea foi queimado.
A negra intransixencia do Papado
as súas cinzas sobre o Arno aventa.

Mais quedóunos altísimo tesouro
n-esta frase en que o esprito seu alenta:
"Cálices de madeira e bispos de ouro".