O vate cambadés chegou por primeira vez ao mosteiro de Samos o 24 de agosto de 1948 buscando acougo tras o pasamento da súa dona e dun dos seus fillos, nun momento vital complicado tamén no laboral que o levara por distintos concellos como secretario municipal. Neste lugar Cabanillas atopou a paz e o silencio que procuraba, segundo se reflicte na súa correspondencia, sinalou Francisco Fernández Rei.
O poeta e académico regresou a Samos os tres veráns seguintes. O último, o de 1951, marcharía só unha semana antes do incendio que en setembro arrasou o cenobio, onde chegou a confesar que quería ser soterrado. “Nunha entrevista na revista Vida Gallega, de novembro de 1954, declara que o Centro Gallego de Buenos Aires ía publicar na súa obra completa o poemario Samos, coa historia do famoso mosteiro, onde irían repousar os seus restos mortais, porque o abade xa lle tiña reservada alí unha sepultura”, indicou Francisco Fernández Rei.
A neta e afillada do escritor, Pitusa Cabanillas, tamén participou nos actos conmemorativos dos 75 anos da súa chegada a Samos, e confirmou o seu estreito vínculo co mosteiro e a amizade que o unía ao seu abade, Mauro Gómez. Desta relación e do paraíso samanense do poeta de Fefiñáns darase conta nunha exposición temporal que será inaugurada o vindeiro 9 de novembro, cadrando co seu cabodano, no Museo Ramón Cabanillas, na Casa da Calzada de Cambados.