Salvador García-Bodaño, fillo adoptivo de Santiago de Compostela

O escritor e membro de número da Academia recibiu, así mesmo, a Medalla de Ouro da cidade en recoñecemento ás súas achegas á vida cultural compostelá.
Alberto Núñez Feijoo, Salvador García-Bodaño e Agustín Hernández.
Alberto Núñez Feijoo, Salvador García-Bodaño e Agustín Hernández.


O acto, celebrado o pasado 17 de marzo no Auditorio de Galicia, e que contou coa presenza, entre outros, do alcalde da cidade, Agustín Hernández e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, é froito do acordo adoptado por unanimidade nun Pleno da corporación municipal santiaguesa do pasado mes de decembro.

En palabras do alcalde de Compostela, Agustín Hernández: "A actividade vital de Salvador García-Bodaño é desbordante, tanto polos moitos e variados oficios, como pola súa intervención na creación, dirección ou participación nas principais asociacións e entidades profesionais e culturais da cidade", e concluíu: "Non é doado atopar a ninguén que se teña implicado en tantas e tan intensas iniciativas ao longo dunha vida, que segue a ser –e que o sexa por moitos anos- plenamente activa e fecunda".

Pola súa parte, o poeta e membro de número da Academia, Salvador García-Bodaño, manifestou sentisre moi agradecido polas distincións recibidas que, ao seu ver, "supoñen un recoñecemento a toda unha vida vivindo e sentindo Compostela".

Salvador García Bodaño (Vigo, 1935) é membro da Academia desde 1992 e autor dunha extensa produción que abrangue a poesía, a narrativa e o xornalismo que lle valeron, entre outros recoñecementos, a concesión do Premio de la Crítica en 1978 polo poemario Tempo de Compostela. No que atinxe ao seu labor como activista cultural e político, García-Bodaño participou na fundación da asociación cultural compostelá de signo galeguista O Galo en 1961 e do Partido Socialista de Galicia (PSG) en 1963. Así mesmo, formou parte dalgúns dos proxectos culturais máis relevantes do seu tempo como o Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ou o Pen Clube Galicia.