Rosalía nos discursos de ingreso na Academia

A historia do rosalianismo inclúe discursos de ingreso na Real Academia Galega. Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Luz Pozo Garza e Bernardino Graña son algúns dos membros da institución que lembraron deste xeito a importancia para as letras galegas da poeta, que será homenaxeada por esta institución o día 24 de febreiro co gallo co 179º aniversario do seu nacemento cun concerto de Amancio Prada. Todos estes episodios da crítica rosaliana poden lerse hoxe a través de academia.gal.
Detalle do retrato de Rosalía realizado por
Máximo Ramos conservado na Academia.

Non se pode facer a historia do rosalianismo sen termos en conta, moi en conta, certos discursos de ingreso RAG, advertía Xesús Alonso Montero no limiar de Rosalía de Castro na Real Academia Galega, unha obra editada en 2006, no centenario da Academia, pola Fundación Rosalía de Castro. Para o actual presidente da institución, entre os capítulos fundamentais da crítica rosaliana que existían ata esa data cumpría salientar tres: o pronunciado en 1929 por Otero Pedrayo, Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal, "modelo de interpretación conmovedora; o de Carballo Calero, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, lido en 1958, "modelo de erudición esclarecedora"; e Diálogos con Rosalía, de Luz Pozo Garza, que ingresou na Academia en 1996 cun "singular ensaio poético no que a autora se nos revela como unha gran rosalióloga, mellor aínda, como alguén que escribe sobre a vida e a poesía de Rosalía de Castro desde o seu mesmo logos".

Con posterioridade á publicación de Rosalía de Castro na Real Academia Galega, cómpre engadir Contos populares e Rosalía, traballo de Bernardino Graña, que se incorporou á Academia no ano 2010. Sobre ela versa tamén o discurso da académica electa Francisca Herrera Garrido, Rosalía de Castro, que faleceu antes de poder lelo; e o de Victoriano Taibo (1948), Rosalía de Castro, precursora da Fala. As referencias a Rosalía son ademais abondosas noutras intervencións deste tipo ao longo da historia da Academia, desde A saudade nos poetas galegos, de Ramón Cabanillas (1920), ata A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua, coa que Manuel Rivas ingresou na RAG en 2009. En palabras de Helena Villar Janeiro no epílogo da devantida recompilación, "non é de estrañar que os membros da Real Academia Galega se preocupasen da Rosalía de Castro creadora no xénero máis sublime no que pode expresarse o ser humano, no uso da palabra máis libre e reveladora".