Rosalía inaugura a sección 'Poema da semana'

Con esta iniciativa pretendemos difundir o coñecemento da obra dos nosos poetas, tanto a máis popular, como aqueloutra menos coñecida e accesible para público xeral. O segundo poema do libro Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, foi o escollido para iniciar esta sección.
Autógrafo manuscrito de Rosalía de Castro
Autógrafo manuscrito de Rosalía de Castro (Arquivo RAG)


O 17 de maio de 1863 foi publicado, na imprenta de Juan Compañel en Vigo, o libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Neste ano de 2013 fanse, pois, 150 anos da edición desta obra considerada o texto fundacional da literatura galega moderna e pedra angular do noso renacemento cultural, o Rexurdimento. A data da súa edición foi tamén a escollida, por Francisco Fernández del Riego, para inaugurar, en 1963, a nosa celebración cultural máis importante: o Día das Letras Galegas.

Nasin cand' as prantas nasen,
No mes das froles nasin,
Nunh' alborada mainíña,
Nunh' alborada d' abril.
Por eso me chaman Rosa
Mais á dó triste sorrir
Con espiñas para todos
Sin ningunha para tí.
Dés que te quixen, ingrato,
Tod' acabou para min,
Qu' eras tí para min todo
Miña groria e meu vivir.
De que pois te queixas, Mauro?
De que pois te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felis?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei que quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti,
O meu corason che mando
C' unha chave par' ó abrir,
Nin eu teño mais que darche,
Nin ti mais que me pedir.

O libro enteiro está dispoñible aquí.