"Rosalía esta viva porque vive na súa obra"

Acompañado dunha guitarra fabricada pouco despois de nacer a poeta e cunha fotografía dela como pano de fondo, Amancio Prada encheu onte a Real Academia Galega de versos de Rosalía de Castro. O artista do Bierzo ofreceu na sede da rúa Tabernas un emotivo recital de homenaxe á creadora de Cantares gallegos e Follas novas no día do 179 aniversario do seu nacemento. "Ela está viva porque vive na súa obra".

Amancio Prada, nun momento do recital de homenaxe a Rosalía de Castro celebrado na sede da Real Academia Galega. Foto: RAG


O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de presentar o acto de homenaxe, no que subliñou a importancia capital de Rosalía para a cultura galega. "A Academia ten sentido e existe porque existe unha lingua e unha literatura, e Rosalía de Castro é precisamente a autora do libro fundacional e a súa voz, a voz auroral da literatura galega".

Como chove miudiño, o primeiro poema de Rosalía que Amancio Prada musicou sendo aínda moi novo, abriu o recital do músico, que no ano 1969 gañou o "Festival de la Juventud" de Alar del Rey. "A miña primeira guitarra gañeina cantando a Rosalía", aseguroulle ao público lembrando con humor aquel debut. Anos despois, no 1974, publicaría o seu primeiro disco, Vida e morte, que incluía este e outro poema de Rosalía. O seu seguinte traballo, que sairía á luz ao ano seguinte, estaría xa dedicado integramente á poeta galega e, grazas a el, Rosalía chegaría a "mares nunca d'antes navegados", subliñou inspirándose en Camões o presidente da Academia, que loou a "intepretación fermosa e sagaz" de Amancio Prada.

O artista berciano acompañou a súa voz co son dunha guitarra do século XIX, un agasallo prezado que foi fabricado só tres anos despois do nacemento da homenaxeada, en 1841. "Pensei que pagaba a pena traela aquí para cantar a Rosalía tantos anos despois", dixo emocionado Amancio Prada, que intepretou, entre outros clásicos da escritora, Pra A Habana, Campanas de Bastabales, A xusticia pola man, Maio longo ou Negra sombra. "Son importantes os temas que canta Rosalía, pero talvez sexa máis importante o ton, o ton de despedida", apuntou antes de interpretar Adiós ríos, adiós fontes para lle poñer o ramo á escolma musicada da obra rosaliana.

Como colofón, o artista agasallou o público cun tema máis, Salutación elegíaca a Rosalía de Castro, poema que Federico García Lorca lle dedicou a Rosalía de Castro tras visitar a súa tumba en Santiago de Compostela por primeira vez, cando só tiña 18 anos.

Pode ver o vídeo de Amancio Prada interpretando Pra A Habana na homenaxe a Rosalía nesta ligazón.