Rois acolle este xoves a presentación do proxecto ‘Modo galego, actívao!’ aos concellos de Alingua

A Real Academia Galega e Alingua celebran mañá xoves, 11 de setembro, no auditorio do Edificio Multiúsos do Concello de Rois unha xornada de presentación de Modo galego, actívao! Representantes institucionais e persoal técnico dos municipios que conforman esta rede, composta por preto dunha vintena de entidades locais co propósito de avanzar na normalización lingüística, coñecerán en detalle este proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia de cara á súa posible implantación nos seus respectivos concellos.

Modo galego, actívao! é un programa da Real Academia Galega e o Concello de Ames para a promoción do galego na infancia, en marcha dende 2021, contando coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación amesáns.

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o presidente de Alingua, Ramón Varela Rodríguez; o alcalde de Ames, Blas García; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, abrirán o encontro ás 10:30 horas. A xornada de traballo continuará coa presentación detallada dos catro anos de posta en práctica de propostas para a dinamización da lingua e a súa avaliación nos espazos de educación formal e non formal de Ames. Henrique Monteagudo participará tamén nesta parte do encontro canda os técnicos do Seminario de Sociolingüística da Academia, Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío, e a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras.