Reglamento de la Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905)

Regulamento da Asociación Iniciadora y Protectora da Academia
Cuberta do folleto


Como o seu nome indica, a Asociación Iniadora y Protectora de la Academia Gallega creouse con dous obxectivos ben definidos: facilitar a creación dunha Academia que dese unidade ao idioma galego, entre outros cometidos, e fornecela dos medios económicos necesarios para a súa supervivencia.

A idea de crear unha Academia viña roldando desde o século XIX. Xa constataran esta necesidade numerosos intelectuais como Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán, Bernardo Barreiro ou Aureliano J. Pereira. Tamén algúns xornais galegos, como El Eco de Orense, El Clamor de Galicia ou O Galiciano. Mesmo a Sociedade de Folklore Gallego, nacida oficialmente en 1884 por iniciativa da Condesa de Pardo Bazán, pode ser considerada como un antecedente da actual Real Academia Galega.

Con todo, ningún intento dera, ata o momento, os froitos desexados. A esperanza chegou de Cuba coa iniciativa do insigne ferrolán José Fontenla Leal que, coa axuda do poeta Manuel Curros Enríquez e outros intelectuais galegos residentes na Habana, consiguiu fundar, en xuño de 1905, a Asociación Iniadora y Protectora de la Academia Gallega.

A Xunta Xeral de Constitución da citada Asociación tivera lugar na Habana o 27 de xuño, nun acto multitudinario no que se nomea a primeira directiva, encabezada por Curros Enríquez como presidente. O secretario, Nan de Allariz, leu neste acto unha circular que foi enviada a Manuel Murguía para que, canda outros colaboradores, establecese en Galicia a Academia reclamada por esta Asociación. Deste xeito, o 4 de setembro de 1905, tras unha reunión mantida na Casa Consulado da Coruña, constitúese, por fin, a ansiada Academia Galega, que tería a súa sede na cidade herculina.

Unha vez conseguido o obxectivo de crear a Academia en Galicia, o seguinte paso era proporcionarlle medios económicos para o desenvolvemento das súas actividades. De feito, estímase que, ata 1914, a Asociación Iniciadora y Protectora foi case a única fonte de ingresos, á que se sumaría a partir de 1916 o Centro Galego da Habana.

A partir de 1920, decaeu o número de socios desta asociación, coa conseguinte diminución dos ingresos recibidos en Galicia, que chegarían no sucesivo por outras vías.

O regulamento que rexeu esta asociación habaneira foi redactado, pouco antes da súa constitución, por unha comisión formada por Manuel Curros Enríquez, Angel Barrros, Alfredo Nan de Allariz, José López Pérez, José Fontenla leal, José Abeleira, José Castro Chané, Plácido Lugrís e José Antonio Fernández. Dito regulamento sería aprobado o 1 de xuño de 1905, publicándose, pouco despois, na imprenta e papelería de Rambla y Bouza, na cidade da Habana.

Este exemplar, pertencente a nosa biblioteca, ingresou na daquela recentemente constituída Real Academia Galega, o 3 de novembro de 1905. Acompañábao unha carta procedente da Habana, con data do 19 de outubro dese ano, custodiada actualmente no Arquivo da Real Academia Galega, que fora enviada por Curros Enríquez á corporación desde a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia.