Organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, o ciclo percorreu oito localidades do país (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo) cunha serie de sesións nas que se abordou o significado das Irmandades nos campos da literatura, a lingua e a estética. Agora quedan rexistradas nun libro que xunta reflexións, lecturas e propostas "para entender o significado das Irmandades non só mirando cara ao pasado, senón tamén para o presente e para o porvir", explican na presentación os editores, Henrique Monteagudo e María Dolores Sánchez Vales. "Temos a certeza de que supoñen unha achega moi significativa para mellorar a nosa comprensión das Irmandades, e con ela, das tarefas que temos por diante para seguir facendo país", conclúen.
O volume distribúe os textos en oito capítulos. Os catro primeiros céntranse en distintos xéneros literarios. O primeiro, "Oratoria e prosa non ficcional", fórmano as achegas de Xesús Alonso Montero, Arturo Casas e Teresa López. Séguenlle "Novos vieiros para a narrativa", coas contribucións de Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Camiño Noia Campos; "Un novo teatro galego", cos escritos de Laura Tato Fontaíña, Euloxio R. Ruibal e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes; e "Unha poética anovadora", cos relatorios de Xosé Ramón Pena, María Xesús Nogueira Pereira, Miro Villar e Xosé Luís Axeitos.
O quinto capítulo, baixo o título "Reivindicación e modernización da lingua", permite ler as contribucións ao ciclo de Rosario Álvarez, Antón Santamarina e Henrique Monteagudo. As achegas relacionadas coa prensa centran o seguinte, "A conquista do público", que recolle os relatorios de Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xan Carballa e Carme Vidal. Pechan o volume "Intelectuais, xornalistas, escritores", coas achegas de Emilio Xosé Ínsua, Antón Costa Rico, Olivia Rodríguez González, Francisco Fernández Rei, Isabel Seoane e Manuel Roca Cendán; e "Imaxe e identidade", coas de María Victoria Carballo-Calero, Pepe Barro e Siro López.