Arturo Lezcano, Alonso Montero e Martínez Risco
O acto contou coa presenza, entre outros, do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; dos vicepresidentes da Fundación Risco, Luís Martínez Risco e Arturo Lezcano e do presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar.
Na súa alocución, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, despois de darlle os parabéns á Fundación Risco pola obra reeditada, salientou os valores artísticos de Un caso de Lycantropía, "cando abran este libriño comprobarán que se pode ler coa mesma emoción que se se tratase dunha novela", así como os científicos: "Vicente Risco era sobre todo un home sabio e, como tal, analizou o caso do home lobo, Manuel Blanco Romasanta guiándose polos principios da psicoloxía e a antropoloxía daquela época".
O vicepresidente segundo da Fundación Risco, Luís Martínez Risco, denunciou na súa intervención os estereotipos redutores e simplificadores cos que adoito se enfronta a figura e a obra do seu devanceiro: "A traxectoria de Vicente Risco é, aínda hoxe, analizada en termos toynbeanos segundo os cales, a un período de expansión inicial, séguelle un de esplendor e logo unha longa decadencia, cando Risco resultaría moito mellor comprendido, e preferiría el mesmo, ser xulgado desde unha perspectiva "spengleriana" que integrase todas as facetas da súa personalidade nunha concepción cíclica do tempo". Martínez Risco rematou o seu discurso cunha vindicación do polígrafo ourensán: "Os tempos son chegados nos que Vicente Risco ocupe o posto que merece entre aqueles que soñaron cunha Galicia dona de seu".
Arturo Lezcano iniciou a súa quenda pasando revista ao texto risqueano que viña de ser reimpreso: "Ao reler Un caso de Lycantropía comprendemos de inmediato que Risco non foi nunca un irracionalista, como algúns nolo quixeron presentar, aínda que tamén foi alleo ao dogmatismo cientifista, pois, como el mesmo dicía: 'A ciencia hoxe opina isto, e mañá aquilo'". Lezcano púxolle o ramo ao acto recuncando na vindicación dunha lectura de Risco renovada e expurgada de banalizacións e esquematismos.