Recursos en liña sobre Valentín Paz Andrade

Na rede medran as propostas que se achegan á figura do homenaxeado abranguendo a súa figura poliédrica desde perspectivas diversas.

A listaxe de medios iníciaa a web oficial de Valentín Paz Andrade, que supón unha rigorosa fonte de recursos para afondar na súa vida e obra. Ademais de conter material biográfico e bibliográfico, un espazo dá cumprida conta das exposicións realizadas arredor do autor, mentres o apartado de axenda anuncia as actividades que se desenvolven arredor da figura de Paz Andrade. Porén, a carón deste sitio, moitos outros acollen información e proporcionan ferramentas para un coñecemento amplo do homenaxeado.

Para unha aproximación á vida de Paz Andrade, alén da información biobibliográfica en proceso de aumentar e mellorar que acolle páxina da Academia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ofrece unha panorámica de interese. Pola súa parte, o web oficial e a Galipedia publican achegas máis extensas que inclúen cronobiografías; sucinta a da Galipedia e máis concretas as dúas propostas polo web oficial.

Desde unha perspectiva ampla que atenda ás distintas facetas de Paz Andrade, dúas propostas son fundamentais. Por unha banda, culturagalega.org presenta unha serie de páxinas que abordan as diferentes dimensións do polígrafo pontevedrés: Un renacentista na Galicia do século XX, A cultura de Paz Andrade, Paz Andrade aos puntos e un Mapa conceptual sobre Paz Andrade, un documento que entretece os eixos fundamentais do seu proxecto.

Ademais da actividade didáctica en liña proposta por EducaBarrié, o material educativo sobre a figura do homenaxeado neste Día das Letras Galegas medra na rede. Desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, dedícase unha páxina especial á compilación e organización de recursos audiovisuais e actividades didácticas dirixidas ao profesorado e ao alumnado xeral. Unha boa parte do material recollido, pertence ao Seminario Galán: o Seminario Permanente de Formación do Profesorado do CEIP Galán, en Oseiro-Arteixo (A Coruña). Neste curso 2011-2012 dedican integramente o seu sitio web ao Día das Letras Galegas e, especialmente, a Valentín Paz Andrade, publicando documentos para imprimir, actividades en liña e un álbum de fotografías.