Retrato de Antón Villar Ponte. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega
Abrente escolleu o monte Laurel, preto de Ferrol, para lembrar a Antón Villar Ponte. "Iste home escrarecido, que nacéu en Viveiro, xunto ao río Landro, e morréu na Cruña, foi un namorado do mar e da libertade. E por iso ficará o seu nome n-ista outura, diante do mar infindo. Cando os fillos da Galiza se deteñan xunta á istes penedos, ollarán, cheos de saudade, a lonxanía azuada, deixando voar istas verbas do inesquecente Antón: O mar é o único espello do infinito, e forma có ceio o paréntesis grandioso onde a cativez do home se apreza craramente", leuse na homenaxe, na que se colocou unha rocha na que se gravou "Antón Vilar Ponte. Galego escrarecido" acompañada desta frase da súa autoría.
No acto, ao que acudiron representantes de diversas entidades galegas, léronse escritos dos membros de Abrente e tamén outros solicitados para a ocasións a integrantes da Asociación de Escritores de Galicia, lembra Emilio Xosé Ínsua n'Os derradeiros días de Antón Villar Ponte. A asociación creárase só semanas despois do pasamento do xornalista e escritor, quen fora un dos seus máis firmes defensores. O poema "Ao Antón Vilar Ponte. ‘Recordos e choros", asinado por Cipriano Alonso e Francisco Yáñez, "Recordo ao Mestre", de Francisco Yáñez Lorenzo, ou as palabras enviadas polo irmán do homenaxeado son algúns dos textos pronunciados aquel día que se conservan no Arquivo da Real Academia Galega. Ramón Villar Ponte expresaba desde Viveiro gratitude polas numerosas mostras de dor polo pasamento de Antón rexistradas por toda Galicia: "Moitas vegadas vacilei denantes de faguer istas liñas. Non sabía eu si debía ou non deixar ouvir a miña voz, plasmada nos trazos inseguros que leva ista coartela, no singular e macio homenaxe que hoxe adicades ao meu inesquecente irmán, cuia perda choro eu e choraréi decote, ateigado de dór, aliviado somentes pol-as xurdias mostras de agarimo e consideiración que a Galicia enteira ven dando á súa lembranza".
Fragmento do texto enviado por Ramón Villar Ponte. Fonte: Arquivo da RAG
A Nosa Terra reproduciu en varios números consecutivos de maio de 1936 algúns dos discursos escritos para a ocasión. Nas páxina do semanario poden lerse así tamén as achegas de Ramón Otero Pedrayo, Arturo Noguerol ou o alcalde socialista ferrolán Jaime Quintanilla. "Ninguén coma il soubo faguer do Galeguismo romántico de outrora un programa de máisima eficacia. Fixo a política do idioma. E-o idioma hálle a icar sempre seus barudos e tenros acentos. Ao seu guieiro, ao seu patrón", dicía Otero Pedrayo sobre Antón Villar Ponte. "Sei canto bulía na mente d-aquel home: que era poeta por riba de todo", engadía Jaime Quintanilla: "Poeta cando facía periodismo, pois no seu labor periodístico puña decote unha migalla de sentimento lírico. Poeta cando facía dramas, pois como dramaturgo a súa lira era unha estrela tremelucente d-emoción. Poeta cando facía política, pois n-él a política era unha arela de redención da terra. Poeta decote, mais sobre todo poeta no amor á Galicia".
O mesmo número d'A Nosa Terra que reproduce o texto do alcalde ferrolán (415) inclúe tamén un artigo asinado por Antón Villar Ponte en maio de 1918 dedicado ás Irmandades da Fala. O semanario recordaba deste xeito o autor e ao mesmo tempo o vixésimo aniversario da fundación do movemento que impulsara xunto ao seu irmán. Naquel artigo, feito cando a Irmanda da Fala da Coruña acababa de facer dous anos de vida, Antón Villar Ponte lembraba con orgullo os pasos dados. "No comezo éramos vinte persoas a quenes chamóusele os 'feligreses galegos', relembrando ao da Provenza fillos do xenio de Nistral. Hoxe son moitas as 'Irmandades' feitas; no termo de istes derradeiros dous anos falóuse máis en galego culto que denantes n-un século. Galicia escomenzou a ser consideirada. E eiquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quenes o porvir non tera que eisixirlles responsabilidade. Porque lle ofrendaron a Galicia un pensamento propio, unha vountade propia e un sentimento propio".
A Real Academia Galega é unha das institucións que celebrará este ano o centenario das Irmandades da Fala, cuxa primeira xuntanza se celebrou o 18 de maio de 1916 nos locais que esta institución ocupaba na rúa Rego de Auga da Coruña.