Publicación de 'A terra e a poesía de Eduardo Pondal'

O discurso de entrada na Academia do poeta muxián, Gonzalo López Abente, non sería publicado ata 1965, coincidindo co Día das Letras dedicado a Pondal.
Eduardo Pondal
Imaxe de Pondal reproducida no interior do
libro

O 27 de xullo de 1941, nun acto celebrado no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ingresaban na Academia nada menos que 18 membros numerarios en substitución daqueloutros que tiveran que abandonar Galicia por mor da represión franquista. Este número tan elevado de novos académicos impediu que se dese lectura ao preceptivo discurso de ingreso de cada un deles, de maneira que unicamente o de Fermín Bouza-Brey, Mitología del agua en el noroeste hispánico, tivo ocasión de ser pronunciado en público aquel día, e de ser respondido polo novo presidente, Manuel Casás.

Gonzalo López Abente, aínda a pesar de non poder dar lectura ao seu discurso con ocasión da súa entrada, escribira este que hoxe publicamos en liña por vez primeira: A terra e a poesía de Pondal, que non sería editado ata 1965, coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado ao seu ilustre antepasado, Eduardo Pondal Abente.

No seu discurso, o que fora membro do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, analiza -despois da acostumada gabanza do seu predecesor na cadeira, Lugrís Freire- a poesía do bardo de Ponteceso en relación coa súa paisaxe natal: "Xallas, Bergantiños, Soñeira e Nemancos fan a comarca que se remexe vivificada e tremecente co sopro da súa creador da súa fantasía".

Esta publicación en liña, así como a dos discursos de Castelao, As cruces de pedra na Galiza, e Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura, publicadas recentemente, forman parte dun proceso máis amplo que pretende a dixitalización de todo o catálogo de publicacións propias da Academia.