Próxima publicación de 'Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño'

Nesta entrevista ao escritor, xornalista e crítico teatral Camilo Franco (Ourense, 1963) adiantamos algúns dos contidos do seu estudo biográfico sobre o protagonista do Día das Letras 2013, que proximamente publicará Biblos.
Imaxe dunha representación de Saxo Tenor
Imaxe dunha representación de Saxo Tenor


Como resumiría vostede o contido de Dez obras na vida de Vidal Bolaño?
É un percorrido pola súa obra e a súa vida tendo como referencia as súas dez obras principais desde os seus comezos, a finais dos setenta. O libro, publicado por Biblos, está dividido nun prólogo e varios capítulos. En cada un deles explícase o carácter da obra, as circunstancias de escrita e produción e o tempo na vida do escritor que corresponde con cada peza en concreto.

Que aspecto trata preferentemente na súa biografía do autor santiagués: a de autor, director ou a de actor?
A intención é ofrecer unha imaxe global, nas que todas esas facetas vaian mesturadas, como así o estiveron ao longo da traxectoria de Roberto Vidal Bolaño. Ten máis peso, desde logo, a súa actividade como autor e director e, tamén, como responsable das compañías nas que traballou.

Cales son, ao seu parecer, as principais características de Roberto Vidal Bolaño en cada unha destas facetas?
En case todos os aspectos, a actividade literaria e escénica de Roberto Vidal Bolaño estivo moi ligada ás posibilidades e ás necesidades da práctica escénica. Foi un autor que entendeu moi ben que a escrita definitiva do teatro faise no escenario e que, cando hai que tomar decisións, debe mandar o director. Non descoidou a escrita, pero a súa prioridade foi a representación. Como director foi un contador de historias, dáballe moita importancia ao traballo dos actores pero a súa intención era sempre narrativa. Como actor ten dúas facetas fundamentais: por unha parte, aquelas obras nas que traballou con outros actores, cunha presenza física potente e unha preocupación grande polo xeito de dicir. Na outra faceta, case sempre en monólogos, adoptou o papel de pallaso, de bufón disposto a dicir con humor o que noutras partes se calaba.

Que evolución advertiu ao longo desas dez obras do autor santiagués e que aspectos atopou constantes?
De principio a fin, unha das constantes de Roberto Vidal Bolaño foi a de facer un teatro que se considerase galego. Ben tomando como referencia as tradicións parateatrais galegas, ben buscando argumentos e enfoques que puidesen servir para armar un teatro galego destinado a entender mellor o país, a explicar os seus conflitos e a súas particularidades, pero destinado, ao mesmo tempo, á maioría dos espectadores. Conseguir públicos foi outra búsqueda constante. O teatro de Roberto Vidal Bolaño comezou traballando moito cos signos dun país que estaba por facer para xirar, nos oitenta, cara a un teatro máis natural ou realista sobre a realidade galega do momento, ben desde os discursos históricos, ben desde paradoxos que alimentaban as comedias. Foi un teatro cunha gran visión irónica da vida e da realidade.

A que público vai dirixida esta obra e cal é o prazo de publicación que teñen calculado?
A obra vai ser presentada o vindeiro domingo no Culturgal e, desde ese punto de vista, xa case se pode considerar publicada. O rango de público ao que vai dirixida é, por unha banda, aos estudantes de bacharelato ou primeiros cursos universitarios. Por outra, está dirixida tamén ao profesorado e a lectores comúns que queiran ter unha achega xeral pero detallada das principais obras do autor.