Proezas de Galicia, explicadas baxo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote (1810)

Imaxe da portada de Proezas de Galicia
Imaxe da portada de Proezas de Galicia


Da imprenta de Vila, no nº 3 da rúa da Barreira da Coruña, saía á luz en 1810 a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, Proezas de Galicia, de José Fernández y Neyra.

Eran tempos de guerra contra os franceses nos que non só se combatía coas armas senón tamén coa pluma. O propio autor da obra loitou ás ordes do Marqués da Romana e trasladou despois ao papel episodios históricos baseados nas súas propias experiencias.

O libro enxalza as "fazañas" dos galegos contra as tropas napoleónicas a través da conversa de dous labregos, Chinto e Mingote, que contan as súas vivencias.

O carácter utilitario e propagandístico da obra constátase non só na temática senón tamén a nivel lingüístico. Agás na portada, no prólogo e algunhas expresións do texto, o galego irrompe con forza mediante unha linguaxe rústica propia da fala, co fin de facerse entender polo pobo e animalo a sumarse á contenda. Pola contra, o uso de pseudoexpresións francesas ten como obxectivo ridiculizar o inimigo.

Ademais, segundo declara o propio autor do libro na advertencia preliminar, a linguaxe da obra é unha especie de galego común que evita localismos, a fin de ser comprendida nas sete provincias do Reino de Galicia.

O noso exemplar chegou á Real Academia Galega en decembro do ano 2000 procedente da biblioteca particular de Andrés Martínez-Morás y Soria, como testemuña o selo da portada, xunto con outros documentos, libros e folletos, moitos dos cales pertenceron ao seu avó Andrés Martínez Salazar, insigne editor e impulsor da cultura galega e segundo Presidente desta institución. De feito pódense observar neste exemplar abundantes correccións ortográficas manuscritas moi probablemente da autoría de Martínez Salazar, que reeditou esta obra en 1893.

Tamén observamos no exemplar curiosas mostras de censura en determinados parágrafos, esta vez da autoría dun propietario anterior.

Desta primeira edición de Proezas, difícil de atopar na actualidade, conservamos na biblioteca da Real Academia Galega, desde o ano 1978, outro exemplar procedente da biblioteca particular da escritora Emilia Pardo Bazán.

Este libro pódese descargar aquí.

Fragmento de Proezas de Galicia.
Fragmento da obra