Imaxe da ficha didáctica Os contos son bombas de felicidade.
Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico.
O prazo de recepción permanecerá aberto durante toda a primavera, ata o vindeiro 21 de xuño de 2017. O sorteo de libros entre os participantes realizarase á volta das vacacións escolares do verán. As bases do concurso poden consultarse en http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.
Máis actividades interactivas
A través de Primavera das Letras, o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e os propios nenos e nenas poden acceder a propostas didácticas para se mergullar no universo literario e vital do protagonista do Día das Letras Galegas. O proxecto web naceu en 2016 procurando un enfoque interdisciplinario que permita traballar non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra da persoa homenaxeada. Tras a estrea centrada en Manuel María, este ano Primavera das Letras reforza a oferta de actividades de carácter interactivo e ofrece unha ducia deste tipo.
A paixón polos trens do escritor; as paisaxes vitais e literarias de Xinzo de Limia, o Val Miñor ou Escandinavia; o mundo máxico d'O Principiño, obra que Carlos Casares verteu do francés ao galego e da que coleccionou moreas de traducións; as aventuras de Lolo anda en bicicleta e O Can Rin e o lobo Crispín ou a historia d'Un polbo xigante serven de fío condutor dalgunhas das doce actividades interactivas dispoñibles en primaveradasletras.gal. Tamén se ofrecen dous encrucillados sobre a vida de Carlos Casares, na que se profunda no apartado Fichas didácticas. A galiña azul e os demais títulos do autor dirixidos ao público infantil centran outra das propostas neste espazo, que ofrece ademais para os cativos e cativas de menor idade fichas para colorear distintos personaxes.