Presentación duns manuscritos inéditos de Rosalía de Castro

A descuberta trae á luz un poema en galego practicamente descoñecido da súa primeira etapa e varias pezas inéditas en castelán dos seus últimos anos.
Henrique Monteagudo, Alonso Montero e Anxo Angueira.
Henrique Monteagudo, Alonso Montero e Anxo Angueira


Na presentación dos manuscritos participaron o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o secretario desta institución, Henrique Monteagudo; o presidente da Fundación Rosalía de Castro e a profesora da Universidade de Barcelona, María Xesús Lama, quen interveu a través de vídeo conferencia.

Segundo o presidente desta corporación, Alonso Montero, coa publicación destes textos a Academia contribúe mediante unha achega "valiosísima" á celebración durante o ano pasado do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos, definida por el como a "obra auroral" das nosas letras.

Pola súa parte, o secretario da Academia e co-editor desta publicación, Henrique Monteagudo, informou na súa intervención sobre o proceso de descuberta dos textos, así como sobre o contido e importancia do esbozo de poema en galego: "Esta institución tiña previsto participar na celebración dos 150 anos da edición de Cantares Gallegos coa publicación dun álbum rosaliano onde se recolleran pezas manuscritas desta autora, e foi precisamente durante o proceso de recollida de textos cando atopamos estes manuscritos". "O poema manuscrito en galego", informou Henrique Monteagudo, "fora depositado xunto con outros escritos da autora no Arquivo Municipal da Coruña polas propias fillas de Rosalía a petición de quen daquela era o alcalde da Coruña, e máis tarde sería tamén presidente desta corporación, Manuel Casás. Este texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos". O secretario da Academia estimou, ademais, como data aproximada da escritura deste poema, a década de 1870 e, para situar a súa importancia, salientou o feito de que apenas se conservan textos manuscritos en galego de Rosalía, sendo os publicados por Juan Naya en 1953 no libro Inéditos de Rosalía os últimos coñecidos.

A profesora e co-editora da obra, María Xesús Lama, centrou o seu discurso na análise dos textos en castelán que se atopaban custodiados no Arquivo da Real Academia Galega, e que na súa meirande parte foran publicados xa no libro En las orillas del Sar. Neste sentido, a profesora Lama comentou: "Sendo todo o conxunto dun interese considerable, ben por presentar algunha variante puntual das versións publicadas ou ben para o estudo grafolóxico polas considerables variacións da letra que presentan, é o último manuscrito o que chama a atención polo extraordinario valor da información que ofrece ese encabezamento e a nova perspectiva que deita sobre as poesías finais engadidas por Murguía ao preparar a segunda edición de En las orillas del Sar". Para a profesora Lama, o poema recollido manifesta a intención de Rosalía de publicar publicar un novo libro despois de En las orillas del Sar: "Sen embargo, nese título de Postrimerías, delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro".

Para o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estes textos "son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosou que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente".

Esta publicación pódese descargar aquí.

*NOTA ACLARATORIA SOBRE O POEMA "DINCHE O CORAZÓN NA MAN"

Acabamos de ser sabedores de que o profesor Ramón Torrado no artigo publicado baixo o título "Negra ausencia de contento" na revista Casa da Gramática nº 38 (xullo, 2013), que edita o I.E.S. Virxe do Mar de Noia, xa dera noticia e publicara o texto "Dinche o corazón na man", sinalando:

"Poema moi descoñecido, posiblemente inédito, que probablemente é obra de Rosalía na época de compoñer os Cantares gallegos. No mesmo lugar onde se encontra, hai unhas trinta cantigas manuscritas, das cales máis de vinte non aparecen nos Cantares. Tal vez Rosalía tamén as pensaba nun principio glosar".

Xa que logo, hai que precisar a información que se ofreceu onte na rolda de prensa convocada na RAG, no sentido de que o poema "Dinche o corazón na man" non é totalmente inédito, correspondendo o mérito de publicalo por primeira vez ao dito profesor Ramón Torrado. Sirva como explicación do erro o feito de que a noticia dada por este profesor non fora presentada cun formato estritamente académico, nin fora difundida fóra do ámbito local, nin o foco do seu artigo se colocou sobre o descubrimento do texto, acerca do cal o propio estudoso expresa as súas dúbidas na cita que reproducimos.

Cómpre aclarar tamén que, antes de facer pública na Real Academia Galega a nova sobre "Dinche o corazón na man" e "Postrimerías" se fixo unha pescuda coidadosa da ampla bibliografía académica (edicións, estudos…) existente sobre da obra de Rosalía, realizáronse consultas persoais a distintos expertos nesta, e mesmo se fixeron comprobacións a través dos buscadores na rede. Por tanto, non existiu a menor intención de ocultar o artigo do profesor Ramón Torrado a quen, sen dúbida, compete o mérito de dar a primeira noticia do devandito texto. Agradecemos a este investigador, con quen a RAG xa se puxo en contacto para esclarecer o asunto, a súa boa disposición e aproveitamos para felicitalo polo seu traballo.

Henrique Monteagudo