Xosé Antón Cascudo, Olga Aguiar, Alfonso Blanco Alonso Montero e Ledo Andión
"Díaz Castro foi a voz poética máis intensa e emocional dos concellos de Parga e Guitiriz", con estas palabras empezou a súa intervención Alfonso Blanco Torrado, director da Asociación Cultural Xermolos, quen seguidamente expuxo o ambicioso programa de actividades que esta agrupación ten previsto realizar ao longo deste ano e do vindeiro, coincidindo co centenario do nacemento do autor de Nimbos, e que inclúe, entre outros proxectos, un congreso, unha fotobiografía e un documental.
Para Xosé Antón Cascudo, encargado de dirixir o documental sobre Díaz Castro que se ha titular O instante eterno, a intención deste filme é "amosar non só os aspectos lingüísticos e literarios deste autor, mais tamén as mudanzas na súa paisaxe natal ao longo de todo este tempo". O documental, que estará dividido en catro partes, fai un percorrido polas idades do poeta: nenez, xuventude, madureza e vellez, relacionándoas co seu lugar de residencia en cada unha delas.
A directora do Instituto de Ensino Secundario Díaz Castro de Guitiriz, Olga Aguiar, informou sobre un soporte audiovisual, que se pode visualizar aquí, no que os alumnos deste centro interpretan os textos do poeta lugués desde unha perspectiva actual: "a idea fundamental é que a rapazada de Guitiriz foi quen de refundir os textos de Díaz Castro e actualizalo", e engadiu, "o noso propósito é converter o noso poeta local no poeta de todos".
Despois de loubar a figura de Díaz Castro e salientar a importancia da súa obra no contexto da poesía galega da segunda metade do século XX, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, anunciou que a elección da figura protagonista do Día das Letras 2014 terá lugar no Plenario da Academia que se ha celebrar o vindeiro 21 de xuño. Alonso Montero concluíu o acto, despois de felicitar os seus promotores, sinalando a necesidade de espallar o gusto pola literatura entre a xente moza: "o futuro da poesía está nos escolares".