Presentación do número XXX de 'Cadernos Ramón Piñeiro'

O último número desta colección subtitulado Antonio Blanco Freijeiro, Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990) recolle o intercambio epistolar entre os dous eruditos pontevedreses.
Luís Cochón, Alonso Montero, Valentín García e Carlos Valle.
Luís Cochón, Alonso Montero, Valentín García e Carlos Valle.


A presentación, que tivo lugar no salón de actos da Academia, contou coa presenza, entre outros, do presidente desta institución, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do editor da obra, Luís Cochón; do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle e da viúva de Isidoro Millán, Rosina Otero Abalo.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, abriu a sesión evocando a condición de membro de número da Academia de Isidoro Millán González-Pardo, a quen describiu como un dos maiores lexicógrafos e expertos en toponimia galega da súa xeración, especialmente interesado no estudo do substrato prelatino –celta e indoeuropeo- do galego. "Antonio Blanco Freijeiro, pola súa parte, escribiu algún dos libros de referencia fundamentais da arqueoloxía española do seu tempo. Este epistolario achéganos, pois, un diálogo entre estes dous grandes sabios e eruditos pontevedreses, que foron alumnos os dous de Filgueira Valverde".

A seguir, tomou a palabra o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, quen foi alumno directo de Isidoro Millán cando este era profesor de Latín e Grego no Instituto de Pontevedra. "E, ademais", engadiu, "fun tamén alumno indirecto de Antonio Blanco Freijeiro, pois un dos seus libros, Arte antiguo del Asia Menor, foi unha das miñas obras de referencia na universidade". Carlos Valle lembrou, así mesmo, a condición de compañeiros de xeración de Isidoro Millán e Antonio Blanco: "Os dous son figuras estritamente coetáneas, os dous formaron parte do grupo de alumnos colaboradores co Museo de Pontevedra, que promovía Filgueira Valverde e que, estou seguro, foi unha experiencia fundamental na súa formación intelectual". No que atinxe ao intercambio epistolar, Carlos Valle salientou: "Ademais de pola súa alta densidade intelectual, como era de agardar entre dous sabios, estas cartas deixan ver tamén as súas dúbidas e incertezas, as preguntas mutuas que se dirixen o un ao outro e que son a mellor testemuña da súa gran valía persoal e honradez intelectual".

"Hoxe presentamos un epistolario asimétrico", empezou declarando o seu editor, Luís Cochón, "No que transcribimos moitas das cartas enviadas de Antonio Blanco a Isidoro Millán, pero non tanto á inversa, e isto débese a que o Conde de Quirós, en cuxo arquivo estaban atesouradas, non facía copia de todas as súas misivas, só dalgunhas delas". Luís Cochón agradeceulle, así mesmo, a Rosina Otero, viúva de Isidoro Millán, a cesión do material publicado, e laiouse pola perda do arquivo de Antonio Blanco Freijeiro. "Estas oitenta cartas percorren catro décadas na vida de dous eruditos con don en linguas antigas e mais modernas, dous que foron admirables tradutores e que coincidiron tamén na arqueoloxía do Apóstolo", concluíu.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, púxolle o ramo ao acto manifestando a súa satisfacción pola publicación do intercambio epistolar entre dúas das figuras intelectuais máis importantes da cultura galega do seu tempo e que sae editado nunha colección promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.