Presentación do 'Dicionario de alimentación e restauración'

A obra, editada conxuntamente pola Xunta de Galicia, o Centro Ramón Piñeiro, a Real Academia Galega e Termigal, está dispoñible en liña de xeito gratuíto.
Mesa de cabeceira durante a presentación do Dicionario
Imaxe da mesa de cabeceira durante a presentación do Dicionario


O acto tivo lugar no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería de Compostela e contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; do presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da secretaria xeral de Turismo, Nava Castro; dos membros numerarios da Academia Manuel González, Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Xesús Ferro Ruibal; do presidente de la Asociación Hostelería Compostela, Xosé Manuel Otero; do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, e dun numeroso público relacionado coa industria alimentaria e coa hostalaría.

Portada do Dicionario de alimentación e restauración
Portada do Dicionario de alimentación e restauración

Segundo o coordinador do libro e director do Termigal, o académico Manuel González González, "este dicionario nace coa vocación de ofrecer unha ferramenta útil para os hostaleiros galegos no contexto actual de maior afluencia de turismo ao noso país e de internacionalización da nosa economía". O académico expresou tamén a súa vontade de que este dicionario especializado contribúa a unha maior normalización da terminoloxía gastronómica e culinaria en lingua galega.

Pola súa parte, o presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín trazou unha historia en paralelo da cociña e da lingua. "A cociña tende a ser nacional do mesmo xeito que a lingua, pois cada pobo tende a crear a súa propia á beira do lume ao longo do tempo". "Isto non quere dicir", proseguiu o o presidente, "que a nosa cociña deba estar illada e impermeable a influencias de fóra. A cociña galega debe estar aberta á experimentación e mesmo á extravagancia, pero debe conservar os nomes que lle son propios".

Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, destacou a importancia de ferramentas coma o Dicionario de alimentación e restauración no actual contexto de globalización económica, "grazas a este dicionario, o galego poderá demostrar, unha vez máis a súa utilidade, e gañar presenza nos menús e tamén nos centros comerciais de todo o país".

O equipo redactor deste dicionario estivo composto por Iria Veiga Mateos, Sandra Romarís Hortas, María Jesús Paz Lema e Marta Duyos Míguez.

A versión dixital do Dicionario pódese consultar de xeito gratuíto nesta ligazón.