Xosé Luís Cochón, Bravo-Bosch, Méndez Ferrín, Vázquez Abad, Alfonso Paz-Andrade, Valentín García e César Cunqueiro
O acto tivo lugar na Fundación Fernando Sales, en Vigo, e contou coa presenza do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; do presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo-Bosch; do membro numerario da Academia, Manuel González; do escritor César Cunqueiro; de Xosé Luís Cochón, codirector dos Cadernos Ramón Piñeiro; de Xosé González, presidente da Fundación Lois Peña Novo e do propio Alberto Casal, entre outros persoeiros do mundo da cultura.
"A imaxe que de Cunqueiro teñamos a partir de hoxe estará conformada por este epistolario", empezou sinalando Xosé Luís Cochón, co-editor, xunto con Lorena Domínguez Mallo da colectánea. Cochón destacou tamén a importancia da carta enviada por Blanco Amor a Cunqueiro en 1940 desde Baiona, unha data na que se supuña que o autor de A Esmorga estaba exiliado en América, e rematou o seu discurso citando literalmente ao autor de Merlín e familia: "A primeira vez que quixen escribir un poema, saíume en galego, e este namoramento durou toda a miña vida".
O escritor César Cunqueiro, fillo do protagonista do Día das Letras de 1991, destacou a influencia benéfica de Alberto Casal en seu pai: "en Alberto Casal o meu pai atopou un amigo crítico, unha opinión ponderada e un constante incitador á escrita". César Cunqueiro gabou, ademais, a calidade da prosa epistolar de Alberto Casal, "Alberto tivo tamén aptitudes excepcionais para a escrita. Toda a súa vida pasouna afinando este instrumento, preparando as súas forzas para unha batalla que renunciou a dar".
Para Méndez Ferrín, o epistolario presentado en Vigo "é unha ferramenta para construír o Cunqueiro do futuro, que non será igual que o noso, pero sen dúbida será". E engadiu, "este libro confirma a idea de que Álvaro Cunqueiro é un escritor vigués. Aquí é onde el procesa toda a súa materia mítica, filosófica e fantástica, en contacto da realidade desta cidade". E rematou a súa quenda sinalando, "lean este libro escrito por dous grandes escritores, un xa coñecido , e outro case secreto pero excelente, Alberto Casal".
O acto pechouno o conselleiro Xesús Vázquez Abad congratulándose polo vixésimo aniversario do Centro Ramón Piñeiro, "dúas décadas dedicadas a verter luz sobre a nosa historia". En referencia ao libro, Vázquez Abad sinalou, "este libro presenta a relación case fraterna que existiu entre o mindoniense e Alberto Casal, quen foi máis que un amigo, foi tamén un mecenas que socorreu economicamente a Cunqueiro cando era preciso".