Presentación de 'Roberto Vidal Bolaño. Acoutacións e diálogos. Antoloxía'

O libro, unha escolma de textos introdutorios seleccionados por Camilo Franco, será publicado por La Voz de Galicia o vindeiro 17 de maio.
Mónica Montero, Xosé Luís Vilela, Alonso Montero, Rey Fernández Latorre e Camilo Franco
Mónica Camaño, Xosé Luís Vilela, Alonso Montero, Santiago Rey e Camilo Franco


A presentación do libro, que tivo lugar no salón de actos da Academia, contou coa presenza do presidente desta institución, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Educación e Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre; do presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar, así como de varios membros de número e correspondentes da Academia e outras figuras da cultura galega.

A actriz Mónica Camaño foi a encargada de dar comezo ao acto coa lectura de varias "acoutacións", textos introdutorios de cada escena destinados a ser coñecidos polos actores, pero non representados ante o público. A continuación, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde, salientou no seu discurso o longo historial de colaboración entre a Real Academia Galega e o xornal coruñés exemplificado en feitos como a presenza nas súas páxinas de numerosos membros desta institución, desde Murguía e Antón Villar Ponte ata García-Sabell, Fernández del Riego ou o propio Alonso Montero. Para Vilela Conde, o libro presentado nesta ocasión foi concibido por Camilo Franco "cunha fórmula distinta ás empregadas anteriormente: trátase dunha antoloxía de "acoutacións", textos que habitualmente son pasados por alto pero que, no caso de Vidal Bolaño, están dotados dun gran valor literario".

Académicos asistentes ao acto
Ledo Andión, Álvarez Blanco, Pozo Garza e
Villares Paz xunto a Camilo Franco

Para o xornalista e editor deste volume, Camilo Franco, o teatro do autor santiagués "é un espello da sociedade no que se produce e do público do que depende. Este cruce de intereses está moi presente na obra de Vidal Bolaño e dá como resultado un dos retratos máis logrados da Galicia contemporánea e próximo ao público que asiste ás funcións". Sobre as "acoutacións" seleccionadas, o xornalista e crítico teatral engadiu tamén que, aínda que o dramaturgo compostelán refugaba a escrita narrativa, "estes textos introdutorios, que normalmente pasan desapercibidos, posúen un gran valor literario en si mesmos".

O presidente da Academia, Alonso Montero, destacou, no seu discurso, a liña de continuidade entre os exemplares da colección "Días das Letras", editados por La Voz de Galicia desde o 2001, e os da "Biblioteca Gallega", dirixida conxuntamente por Manuel Murguía e Andrés Martinez Salazar, e que foron publicados por este mesmo xornal contra o final do século XIX. "Estes libros, como aqueles outros, están destinados a formar parte da historia da literatura galega". Sobre o protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, o presidente da Academia salientou a excepcionalidade de Vidal Bolaño no contexto da dramaturxia galega: "non hai no discurso teatral galego ningún outro autor que se lle poda comparar. Foi actor, director, autor, escenógrafo,empresario,… cando Vidal Bolaño chega á súa madurez creativa, tiña acumulada tanta experiencia como ningún outro dramaturgo galego posuíra antes ca el". Alonso Montero reivindicou, no colofón do seu discurso, a necesidade de recuperar o texto bolañiano: "estamos ante un escritor que fora inxustamente esquecido nos últimos anos, e todas estas reedicións colócannos diante dun autor excepcional, unha figura inconvencional, en controversia permanente coa sociedade do seu tempo".

A actriz Mónica Camaño púxolle o ramo ao acto coa lectura do seguinte fragmento do libro:

O Vinchas: díxencho, amigo? Hoxe un morre de tantas cousas, que é vivir o que estremece.

Máis imaxes en Fotogalerías.