Presentación de 'Nimbos, cáliz fervendo'

O volume XXIX dos Cadernos Ramón Piñeiro titulado Nimbos: cáliz fervendo! é un monográfico dedicado ao estudo da obra de Xosé María Díaz Castro.
Marica Campo, Valentín García Gómez, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pilar García Negro e Luís Cochón
Marica Campo, Valentín García Gómez, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pilar García Negro e Luís Cochón.


A presentación, que tivo lugar o 27 de maio no salón de actos da Academia, contou coa intervención do académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen exerceu como mantedor doa acto; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do editor literario da obra, Luís Cochón, e das profesoras Marica Campo e Pilar García Negro. O acto contou, ademais, coa asistencia do membro de número da Academia e director científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González e de Luís Alonso Girgado, coordinador da monografía.

Na súa alocución, o editor literario da obra, Luís Cochón, logo de definir Nimbos como un proxecto poético que procura unicamente expresar "a raíz esencial, o dicir primordial" da materia que escolle como tema, e de describila como "unha elexía total na que o poeta se doe de todos nós, incluído el mesmo", afirmou que o obxectivo do monográfico era renderlle unha "homenaxe necesaria" ao autor de Nimbos mediante unha colectánea de 24 artigos asinados por outras tantas figuras das nosas letras.

A profesora e poeta Marica Campo, pola súa parte, fixo un resumo da súa achega a esta XXIX edición dos Cadernos Ramón Piñeiro, centrada na análise do poema "Penélope" que ela concibe, en contra da interpretación xeral deste texto en clave pesimista, como unha exhortación á resistencia: "O poema expresa e mesmo celebra a vontade deste país de persistir na loita, mesmo a pesar do fracaso".

No esteiro da lectura de Carballo Calero, para a profesora e ensaísta, Pilar García Negro, Díaz Castro foi un poeta relixioso que se serviu da poesía levar a cabo "un reencontro afectivo coa terra ausente". A seguir, García Negro centrou o seu labor de pescuda no texto "Coma brasas", salientando o emprego recorrente no mesmo da luz como metáfora da linguaxe e do don da palabra, que esta autora relaciona co relato bíblico de Pentecoste.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, pola súa parte, logo de expresar o seu agradecemento á nómina de colaboradores deste monográfico, concluíu: "Grazas ás súas visións, o proxecto poético de Díaz Castro fica, a partir de hoxe, clarificado e a súa interpretación máis accesible para os lectores que decidan achegarse aos seus textos".

No libro participan, entre outros, o membro de honra da Academia, Arcadio López Casanova, os numerarios Xosé Luís Axeitos, Andrés Torres Queiruga, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Franco Grande, ademais de Xosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Olga Novo e Armando Requeixo.