Presentación de 'María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura'

Xesús Alonso Montero é o autor do volume sobre María Victoria Moreno que se distribuirá este xoves con La Voz de Galicia, presentado hoxe na sede da Real Academia Galega. O académico defíneo como unha biografía intelectual e cívica da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, a quen coñeceu como compañeira de seminario no Instituto Masculino de Lugo en 1965. Nestas páxinas detense en todos os perfís da autora, "a profesora, a filóloga, a dicidora (mellor que a oradora), a narradora, a ensaísta, a comentarista de textos literarios e a persoa fondamente comprometida coa causa dunha lingua que, aparentemente, non era súa".

Un momento da actuación musical de Antía Ameixeiras. Fonte: RAG


Xesús Alonso Montero presentou a biografía acompañado polo director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nun acto no que alumnas e alumnos do CEIP Cidade Vella da Coruña leron fragmentos da obra da autora que será homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A presentación empezou coa interpretación dunha peza musical a cargo de Antía Ameixeiras, que fixo tamén soar o Himno co seu violín para pechar o acto.

O autor da biografía recordou que a protagonista do Día das Letras Galegas 2018 naceu en Estremadura, medrou en terras de castela, estudou bacharelato en Barcelona e a carreira en Madrid e chegou a Galicia en 1963. Xesús Alonso Montero coñeceuna en 1965 cando chegou a Lugo para impartir clases de Lingua e literatura españolas e alí, onde permaneceu dous cursos, foi onde agromou a súa conciencia lingüística ata chegar a facer do galego poucos anos despois o seu idioma de expresión non só vital, senón tamén literaria. María Victoria Moreno fixo ademais un auténtico "apostolado lingüístico" impartindo cursos de galego durante o franquismo.


Pola esquerda, Xosé Luís Vilela, Víctor F. Freixanes e Xesús Alonso. Fonte: RAG


Este compromiso coa lingua desde a ditadura, lembrou na súa intervención o director de La Voz de Galicia, chegou a custarlle a retirada do pasaporte. Xosé Luís Vilela fixo mención especial a unha das novelas de María Victoria Moreno, Anagnórise, unha obra "que nos axudou a quen a lemos cos nosos fillos antes de chegaren á adolescencia", dixo.

O presidente da RAG recordou a vocación docente da homenaxeada e agradeceu especialmente a participación do alumnado do CEIP Cidade Vella da Coruña, "o osíxeno novo que tanto demandamos e necesitamos".