Presentación de 'Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía'

O catedrático Ramón López Vázquez recolle e analiza neste libro practicamente a totalidade da obra do médico, polígrafo e presidente da Real Academia Galega.
Torres Queiruga,Teresa García Sabell, Alonso Montero, Ramón López Vázquez e Xosé Luís Franco Grande.
Torres Queiruga, Teresa García-Sabell, Alonso Montero, Ramón López Vázquez e Xosé Luís Franco Grande


A presentación celebrouse no salón de actos da Academia, e contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Fundación Fernández Latorre, Santiago Rey Fernández-Latorre; do presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar e do membro do Consello Consultivo de Galicia, Gonzalo de la Huerga.

O primeiro en tomar a palabra foi o membro numerario da Academia Xosé Luís Franco Grande, quen na súa intervención escolleu o europeísmo como o trazo máis definitorio do quefacer intelectual de García-Sabell: "El soubo desde sempre que Galicia experimentou os seus momentos máis estelares cando puido enxertar o que acontecía en Europa na súa propia realidade". Franco Grande rematou a súa exposición, logo de gabar o carácter clarificador do libro de López Vázquez, salientando a fondura da súa pegada na cultura galega contemporánea: "Sen o seu labor e o seu entusiasmo, a cultura galega tería sido doutro xeito".

Andrés Torres Queiruga centrou o seu discurso na análise do limiar que García Sabell fixera da súa obra Noción, religación, trascendencia : o coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri, publicada pola Academia en 1990. Segundo o vicesecretario da Academia é nesta obra onde o médico compostelán amosa de xeito máis claro a súa vontade teórica: "Neste pequeno ensaio García-Sabell fala pola súa conta e analiza a relación entre ciencia e coñecemento con autores da nova gnoseoloxía científica".

O autor de Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, Ramón López Vázquez, definiuna como un "ensaio de personaxe" centrado na análise tanto da vida como da obra do polígrafo compostelán. En palabras de López Vázquez, "a obra de García-Sabell é imposible de explicar sen ter en conta o moito que aprendeu dos labradores enfermos e tamén dos sans, pois as súas testemuñas son os materiais dos que se servirá para logo facer a súa antropoloxía ". Segundo López Vázquez, García-Sabell consideraba os labregos e mariñeiros como "os xenuínos depositarios do ser galego, pois eles conservaron a lingua e a unidade entre home e natureza, a súa relación privilexiada co mar e coa terra". E para dar conta desta realidade, empregou como ferramenta teórica a fenomenoloxía, "pois el concibía Galicia como un todo estrutural, como unha unidade de sentido".

"Esta obra axudoume a ter unha visión global do pensamento do meu pai, a ver como todos seus temas predilectos tiñan un fío condutor que os conectaba", salientou Teresa García-Sabell Tormo na súa intervención, quen evocou, ademais, o carácter de verdadeiro foco de irradiación cultural que a súa casa paterna tiña no Santiago da Posguerra: "Por alí pasaron Américo Castro, Zubiri, Laín Entralgo, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e, sobre todo, Ramón Piñeiro".

Precisamente no par Ramón Piñeiro, García-Sabell centrou a súa intervención o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen os definiu como "os verdadeiros artífices e ideólogos, xunto con Xaime Isla, Fernández Del Riego e Otero Pedrayo, do renacer da idea de Galicia a partir de 1950 coa fundación de Galaxia". Alonso Montero rememorou tamén o seu encontro con García Sabell no Santiago dos anos cincuenta: "Fora como unha especie de deslumbramento ou epifanía: a súa cultura, que ía de Freud, Heidegger ou Jaspers ata Joyce ou Hölderlin, e a súa perspicacia intelectual facían del unha figura excepcional naquel ermo que era a cultura oficial española".

Imaxe do público asistente ao acto
Alonso Montero, Valentin García e Xesús Vázquez Abad antes de comezar o acto