Méndez Ferrín, Manuel Rivas e Manuel Bragado durante a presentación de As voces baixas
O acto, celebrado nun ateigado salón de lectura da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, contou coa presenza do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; e do autor, Manuel Rivas Barrós, académico de número.
Manuel Bragado, mantedor do acto, expresou o seu entusiasmo ante esta nova publicación de Manuel Rivas, "unha novela que cativa o lector desde a emoción" e que ofrece "un retrato inesquecible das vidas dos que pertencemos á estirpe dos humildes".
A continuación, Xosé Luís Méndez Ferrín comezou a súa presentación de As voces baixas cunha cita de Pimentel -"a poesía é o gran milagre do mundo"- para sinalar que estamos "ante un gran libro poético destinado a permanecer na memoria dos homes, un libro no que a linguaxe se converte nunha verdadeira homenaxe a si mesma e á condición humana." Salientou tamén o carácter fronteirizo, entre a ficción e o biográfico, da novela de Manuel Rivas: "unha ambigüidade que está presente en todas as grandes obras." Concluíu a súa intervención afirmando que nos atopamos "ante unha novela de suburbios á maneira de Pasolini, unha ficción realista que conta desde dentro a Coruña proletaria".
Pola súa parte, o académico e autor de As voces baixas, Manuel Rivas Barrós, despois de agradecer as palabras de Bragado e Méndez Ferrín, evocou a Lawrence Ferlinghetti cando confesou a súa intención de escribir esta novela "en cuarta persoa; unha narración entre o persoal e o colectivo e que ten lugar tamén nun tempo entre o pasado e o presente, como o parlamento de Max Estrella na cadea cun obreiro catalán en Luces de Bohemia". Sobre o carácter memorialista e de As voces baixas, Rivas sinalou: "a miña madalena de Proust remite á primeira vez que comín un ourizo de mar e ao cheiro do taller dos linotipistas de El Ideal Gallego, onde empecei a traballar moi novo de meritorio". En canto aos protagonistas da obra, aclarou que "as voces baixas son as voces da xente que mesmo nas situacións máis adversas conservou sempre a dignidade e a afección pola cultura". O autor e membro de número da Academia pechou á súa intervención coa lectura de tres fragmentos de As voces baixas.