Antonio de Toro, Carlos Lema, Alonso Montero, María Alonso Seisdedos, Xabier Queipo e Antón Vialle
Na apertura do acto, celebrado o pasado 17 de xaneiro na Academia, o presidente desta institución, Xesús Alonso Montero, logo de salientar a dificultade técnica de traducir unha obra da complexidade do Ulysses do escritor irlandés James Joyce, concluíu: "Estamos ante un feito excepcional, un verdadeiro acontecemento que a nosa literatura debe saudar con fervor".
O estudoso e profesor de filoloxía inglesa, Antonio de Toro, pola súa parte, fixo na súa intervención unha análise da "fascinación" que a cultura irlandesa leva exercendo, ao longo da historia, sobre as nosas principais figuras intelectuais, desde o emprego por parte de Pondal do Lebor Gabála Éren (Libro das conquistas de Irlanda) como base mitolóxica para o seu proxecto épico, ata a chegada da Xeración Nós, cando Otero Pedrayo traduce, por vez primeira nas linguas peninsulares, varios fragmentos do Ulysses ao galego nas páxinas da Revista Nós. Para Antonio de Toro, obras como Devalar, do propio Otero, ou Dédalus en Compostela, de Risco, amosan a forte pegada deixada polo clásico "joyceano" nos dous autores ourensáns, unha influencia que se estende ata os noso días, e pode detectarse en obras como Tic-Tac, de Suso de Toro, e Blumsdei, de Cid Cabido.
O director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, informou sobre algúns aspectos internos do longo proceso editorial que deu lugar ao Ulises, un proxecto que botou a andar no ano 2004 a iniciativa do director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, e que contou co traballo de catro tradutores: Eva Almazán, Antón Vialle, María Alonso Seisdedos e Xabier Queipo, presentes os tres últimos no acto de celebrado na Academia.
Ulises, publicado finalmente sen notas a pé de páxina nin aparato crítico, foi vertido ao galego no seu conxunto polos catro tradutores, que refugaron ofrecer unha versión literal do texto orixinal, e pularon, máis ben, por trasladar á nosa lingua unha versión dos seus abondosos xiros, aliteracións e xogos idiomáticos. "O imposible só tarda un pouco máis", concluíu Xabier Queipo, aludindo á longa espera pola arribada desta obra cimeira da litetatura universal ás nosas letras.